A Alcaldesa explica aos veciños e veciñas de Garabolos as melloras de mobilidade previstas polo Goberno no barrio

Está en contratación o proxecto para pavimentar un tramo da Avenida de Garabolos, financiado con cargo ao Plano Único, e, a través do Plan de Barrios, acondicionarase a Rúa do Vento.

Garabolos contará cun dos 7 aparcadoiros disuasorios que o Executivo proxecta na cidade. Estará en Manuel Portela e ofrecerá 46 prazas.

A vindeira semana arrancará o derribo do tapón urbanístico da Avenida da Coruña. 

Xoves, 02 de agosto de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 A Alcaldesa explica aos veciños e veciñas de Garabolos as melloras de mobilidade previstas polo Goberno no barrio

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este xoves un encontro con veciños e veciñas de Garabolos, aos que explicou as melloras que en materia de mobilidade ten en marcha o Goberno local no barrio. Durante o percorrido por esta zona da cidade, Méndez estivo acompañada polos concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e Benestar Social, Ana González Abelleira.

A rexedora lembrou que está en proceso de contratación a renovación do pavimento dun tramo da Avenida de Garabolos, entre os edificios 5 e 9, a colocación dun paso de peóns elevado e a creación dun acceso peonil á marquesiña da parada de bus existente na vía para garantir a seguridade dos viandantes. Estas obras acometeranse grazas ao Plan Único de Cooperación cos Concellos da Deputación cun investimento próximo aos 30.000€. Nesta calzada o Concello renovou o pasado ano os servizos e pavimentou a beirarrúa cun orzamento de 33.000€, quedando pendente a parte que se acometerá agora con este proxecto.

Así mesmo, Lara Méndez avanzou que o Goberno acometerá a pavimentación da Rúa do Vento, ademais de botar zahorra no tramo que vai dende as vivendas da avenida Paulo Fabio Máximo, actuación que financiará con cargo ao Plan de Barrios que incluíu, cunha dotación total de 2,5M€, nos Orzamentos deste ano que foi quen de sacar adiante.

A Alcaldesa informou tamén á veciñanza de que o Concello asinou onte mesmo o contrato para o acondicionamento dun aparcadoiro disuasorio no barrio de Garabolos, en concreto, na rúa Manuel Portela, que contará con 46 prazas públicas e gratuítas nunha superficie de 1.176ms. O orzamento para este estacionamento é de 41.200€. Trátase dun dos 7 que o Goberno ten planificado para dotar á cidade de 203 novas prazas, cun importe conxunto de adxudicación de 253.000€. As obras comezarán nun mes e deberán estar rematadas nun prazo de cinco meses, isto é, a principios de ano.

Méndez avanzou, por outra banda, aos veciños que a principios da vindeira semana comezarán as obras para a eliminación do tapón urbanístico da Avenida da Coruña. Con esta actuación, que conta investimento de 40.000€, máis os 60.700 das expropiacións, e un prazo de execución de tres meses, o Goberno salda unha débeda histórica, mellorando de maneira substancial a seguridade e comodidade dos peóns nunha das vías con maior afluencia da cidade.

Escola infantil

En Garabolos tamén está en construción unha nova escola infantil, a través dun convenio a tres bandas entre o Concello, a Fundación Amancio Ortega e a Xunta. Esta dotación, cun investimento de 1M€, constrúese na avenida Paulo Fabio Máximo, sobre unha parcela de titularidade municipal, cedida para este fin polo Concello ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Os terreos pasarán a integrarse neste ente autonómico, a Fundación Amancio Ortega ocúpase da construcción das instalacións e do equipamento e dotación inicial de mobiliario e material didáctico, e o Consorcio encargarase da súa posta en funcionamento e xestión, formando parte da rede pública de centros da entidade. A previsión é que en setembro entre en servizo.

Orzamentos Participativos

A Alcaldesa convidou así mesmo aos veciños e veciñas de Garabolos a facer propostas para os Orzamentos Participativos, que veñen de arrancar. Poderán plantexar ata o 9 de setembro investimentos de ata 15.000 euros, a través de distintas canles, dixitais ou presenciais, ben sexa a través da web activada para este evento, loop.lugo.gal, no Rexistro Xeral do Concello ou en distintas reunións que se celebrarán polos barrios da cidade. Nesta primeira fase pode participar calquera persoa empadroada en Lugo ou con vinculación co municipio, sexa por estudos ou traballo.

Noticias relacionadas