A alcaldesa destaca no CIFP As Mercedes, “o papel que xoga a FP para reter o talento lucense e contribuír a dinamización da cidade”

Alvarellos acompañou ao delegado do Goberno Pedro Blanco na súa visita ao centro da avenida de Madrid, referente en moitos graos punteiros da Formación Profesional.

A rexedora municipal falou da aposta pola educación do Goberno central, ao aprobar 2.535 millóns de euros para becas ao estudio, o que supón un máximo histórico.

Luns, 09 de setembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa destaca no CIFP As Mercedes, “o papel que xoga a FP para reter o talento lucense e contribuír a dinamización da cidade”

A alcaldesa de Lugo acompañou esta mañá ao delegado do Goberno Pedro Blanco na súa visita ao Centro Integral de Formación Profesional de As Mercedes, onde coñeceu en detalle algúns dos graos máis demandados neste centro, que se distingue por unha oferta de estudios vangardistas e pioneiros, que fan de As Mercedes un dos referentes na FP. Paula Alvarellos destacou “o papel que xogan tanto estes centros como as facultades do Campus Terra á hora de desenvolver e reter o gran talento lucense, contribuíndo ademais á dinamización económica e social da cidade”.

Os estudios relacionados co sector primario e co industrial destacan nas matriculacións dos centros lucenses, tanto do Campus Terra como dos centros de FP; de aí que, segundo Paula Alvarellos, “sexan tan importantes para o desenvolvemento da nosa cidade e para dar oportunidades ás e os lucenses que queiran continuar a súa formación en Lugo”. Neste sentido, a alcaldesa destacou “a rotunda aposta do Goberno pola educación e a formación: 2.535 millóns de euros para becas e axudas ao estudio, o que é un máximo histórico que favorece que todas e todos os estudiantes poidan formarse con independencia do territorio no que vivan e dos seus recursos económicos”. Ademais, sinalou, este incremento segue a tendencia doutros exercicios, o que confirma que seguir mellorando a educación pública é un dos obxectivos do Goberno; de feito, esta partida creceu desde 2018 un 72 por cento e este ano beneficiará a más dun millón de estudiantes”.

A este respecto, a rexedora municipal explicou que “algúns deles poderán desenvolver os seus estudos de FP básica, de grao medio, superior ou dual en centros lucenses, como neste CIFP de As Mercedes, que é xa un referente en España de calidade e profesionalidade en ciclos como o de Mecánica de Vehículos de Competición; o de Eficiencia Enerxética e Enerxía Solar Térmica; Mantemento  aeromecánico de avións con motor de turbina; ou o de Automoción”.

Por último, Alvarellos Fondo agradeceu ao director do centro, Joaquín Expósito, e ao resto de equipo docente o seu importante labor nas formacións profesionais de futuro. “Eles son os encargados de formar a unha xuventude que será parte do talento lucense; unha xuventude comprometida coa sostibilidade e desenvolvemento que queremos para a cidade, e polo que tamén estamos a traballar desde o Concello de Lugo”.

Multimedia

  • A alcaldesa destaca no CIFP As Mercedes, “o papel que xoga a FP para reter o talento lucense e contribuír a dinamización da cidade”
  • A alcaldesa destaca no CIFP As Mercedes, “o papel que xoga a FP para reter o talento lucense e contribuír a dinamización da cidade”

Noticias relacionadas