A alcaldesa de Lugo revisa os fondos arqueolóxicos que almacena o Concello e demanda unha infraestrutura acorde para a súa musealización

Paula Alvarellos, xunto ao arqueólogo municipal, Enrique González, visitou a Casa da Xuventude e o Vello Cárcere, onde se conservan centos de pezas antigas.

Ademais de nestes dous almacéns, o Concello mantén noutros espazos as máis de 15.000 pezas recuperadas ao longo de tres décadas de obras e escavacións.

A rexedora destaca que “estes achados son un legado importante do noso pasado e un recurso incalculable para o noso futuro, polo que reiteramos á Xunta a necesidade de que se comprometa xa con Lugo e co Museo da Romanización”.

Sábado, 17 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo revisa os fondos arqueolóxicos que almacena o Concello e demanda unha infraestrutura acorde para a súa musealización

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, quixo aproveitar o descenso de ritmo da axenda institucional neste mes de agosto para revisar, con detalle, os almacéns que o Concello ten na Casa da Xuventude e no Vello Cárcere e nos que se conservan centos de pezas antigas, recuperadas ao longo de décadas e das moitas obras e escavacións desenvolvidas na cidade.

A rexedora estivo acompañada polo arqueólogo municipal, Enrique González, que fixo un balance dos restos máis importantes de cantos se conservan e das distintas pezas - máis de 15.000 - de cerámica, bronce, ferro, vidro, moedas e material lítico que  acollen os almacéns municipais.

Neste sentido, a alcaldesa destacou que “os restos arqueolóxicos son un legado importante do noso pasado e tamén un recurso incalculable para o noso futuro, polo que reiteramos á Xunta a necesidade de que se comprometa xa con Lugo e co Museo da Romanización no antigo Cuartel de San Fernando”.

Para Paula Alvarellos “a conservación destes achados debe ser unha preocupación común a todas as administracións, en tanto estas pezas teñen un valor incalculable desde o punto de vista cultural e patrimonial”. Pero ademais, sostén Paula Alvarellos, “nun centro museístico poderanse levar a cabo labores de investigación, custodia, difusión e promoción o que, ao longo prazo, redundará nun maior coñecemento e prestixio da cidade”.  A rexedora xa trasladou a importancia desta insfraestrutura cultural ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, na reunión que mantiveron o pasado 9 de xullo, e agarda “que sexa receptivo ás reivindicacións das e dos lucenses e que se comprometa dunha forma decidida e real con este proxecto”.

Pola súa banda, o arqueólogo municipal, Enrique González, relatou o importante legado que atesoura Lugo e sinala que “o Concello custodia gran cantidade de restos arqueolóxicos procedentes das escavacións acometidas na cidade entre os anos 1986 e 1993, conformado por distintos tipos de materiais: cerámica, vidro, bronce, ferro, moedas, líticos, osos de animais, etc, maioritariamente pertencentes á época romana, entre os séculos I e VI d.C., pero tamén conta con algunha mostra, aínda que minoritaria, de época medieval e moderna”.

Na actualidade, estes restos pódense ver na Sala de Exposicións Porta Miña (na que se exhiben 232 pezas), no MIHL (13), na Casa dos Mosaicos (9), no  Centro Arqueolóxico San Roque (22), e no Centro de Interpretación da Muralla, así como nos xardíns da Praza do Campo Castelo onde se atopan expostas 9 pezas líticas como perpiaños de acueducto, bases/fustes de columna ou escudos heráldicos.

Pero ao marxe das que están ao alcance do público, tamén hai miles de pezas gardadas nos almacéns do Vello Cárcere (en 1.200 caixas con distintos restos), Casa da Xuventude (máis de 200 elementos líticos) e Frigsa (onde se almacenan un centenar de pezas líticas), e que agardan a súa musealización. Sobre este aspecto, a alcaldesa sostén que “é case incalculable o valor da cantidade de pezas que están dispersas polos diferentes almacéns municipais, Museo Provincial e Museo do Castro de Viladonga, así como custodiadas nos propios domicilios das e dos arqueólogos que escavan na cidade, ante a falta dun espazo de almacenamento común,  e creo que é un recurso que forma parte do patrimonio de todas e todos os lucenses que Lugo debería aproveitar”.

Principais pezas

O arqueólogo municipal enumerou as pezas e restos que conforman o depósito municipal e que constitúen un importante legado do que dispón a cidade e para o que o Executivo de Paula Alvarellos busca a súa exposición permanente.

Cerámica. É o material máis abundante e frecuente no rexistro arqueolóxico da cidade, con  aproximadamente unhas 1.200 caixas en depósito. Enrique González explica que “o seu interese reside en que ofrece unha variada información sobre os fluxos comerciais, a vida cotiá, os costumes, ademais de ser un importante fósil director dos diferentes contextos arqueolóxicos da cidade”. Neste sentido, o arqueólogo municipal sinala que “as producións de luxo están representadas maioritariamente pola terra sigillata, procedente dos centros produtores máis importantes que operaban tanto en Italia como no sur da Galia ou na península Ibérica. Entre a cerámica de cociña e mesa, cabe destacar as producións locais coñecidas como cerámica de engobe vermello, das cales Lucus Augusti era o gran centro produtor. Tamén existe unha variada mostra de ánforas para o transporte de viño e aceite”.

Vidros. Malia que aparecen moi esnaquizados, debido á súa fraxilidade, tamén permiten reconstruír e coñecer algunhas das formas mais empregadas (botellas, garrafas, vasos, e cuncas, entre outras).

Bronces. O responsable do Servizo de Arqueoloxía en Lugo destaca o amplo conxunto de fíbulas ou broches para fixar algunhas pezas do vestiario, ou de alfinetes/agullas para o pelo, coa función de suxeitar e decorar os cabelos das mulleres, e outros materiais de adorno ou xoias (aneis, pulseiras), así como diferente material instrumental.

Ferro. Respecto a este material, Enrique González explica que “conservamos un amplo conxunto de mostras de diferentes ferramentas para moi distintos usos e/ou oficios, dende os empregados na labranza (aixadas, machadas), e construción (picos, martelos) ata útiles para carpintería (machados, cravos). O responsable do servizo de Arqueoloxía comenta sobre o ferro e o bronce que “son materiais moi delicados, que esixen labores de restauración e unhas boas condicións de conservación”.

Moedas. Os depósitos municipais acollen tamén unha importante colección de moedas de todas as épocas romanas (dende o século I a.C.ata o século IV d.C.) e incluso da época medieval. Sen dúbida, explica o arqueólogo municipal, “as máis importantes son as moedas da caetra, cuñadas na cidade entre os anos 25 e 23 a.C”.

Material Lítico. Ao longo destas décadas e de distintas escavacións, recuperáronse importantes mostras de material lítico, é dicir de pedra,(aproximadamente uns 330 fragmentos), repartidos entre os almacéns da Casa da Xuventude e de Frigsa. Estes restos son principalmente anacos de columnas (fustes, capiteis ou bases) e outros elementos empregados na construción (cornixas, linteis, ladrillos, tellas), e sobre todo unha ampla mostra de muíños de man. Cabe resaltar tamén algún elemento epigráfico, como un dos fitos fundacionais da cidade (exposto no MIHL) ou da presenza militar na cidade, como unha inscrición da Lexio VI. Asemade tamén se recollen algúns dos perpiaños de construción da ponte romana orixinal, recuperados durante as labores de rehabilitación da ponte vella realizadas no ano 2013.

De época moderna, cabe destacar ademais unha ampla mostra de canos de pedra empregados na construción do acueduto do Bispo Izquierdo no século XVIII.

Últimos restos

As obras de peonalización da rúa Quiroga Ballesteros destaparon dúas lápidas de orixe romana e relevante valor histórico, xa que a súa datación situase entre o século I e o século II da nosa era. Unha das lápidas está nun excelente estado de conservación e contén información cun importante valor histórico.

A intención do Goberno local é que as pezas poden ser expostas nun futuro dentro da rede museística municipal. A este respecto a alcaldesa sinala que “é unha mágoa, porque estamos a falar de restos de relevancia, con gran potencial científico, histórico e divulgativo, ademais de cunha alta repercusión cultural”.

Alvarellos Fondo indicou que “a ausencia dun lugar de referencia está a dificultar a conservación das pezas, así como o desenvolvemento de actividades divulgativas, educativas e turísticas que esixen centralizar e unificar nun mesmo espazo o almacenamento e salvagarda destes restos arqueolóxicos”. Por iso, insiste, “seguiremos traballando pola creación do Museo da Romanización de Galicia no Cuartel de San Fernando, para que este inmoble catalogado Ben de Interese Cultural en 2009, sexa o epicentro da cultura romana do Noroeste Peninsular e poida albergar a exposición permanente deste rico legado histórico”.

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo revisa os fondos arqueolóxicos que almacena o Concello e demanda unha infraestrutura acorde para a súa musealización
  • A alcaldesa de Lugo revisa os fondos arqueolóxicos que almacena o Concello e demanda unha infraestrutura acorde para a súa musealización
  • A alcaldesa de Lugo revisa os fondos arqueolóxicos que almacena o Concello e demanda unha infraestrutura acorde para a súa musealización

Noticias relacionadas