A alcaldesa de Lugo reivindica o papel transformador dos Concellos na etapa Post-Covid

Lara Méndez cualifica de “decisivo” que as administracións locais dispoñan de recursos para atender ás necesidades da cidadanía e enxalzou a súa capacidade de resposta para facer fronte á pandemia.

A rexedora trasladaba hoxe as conclusións da Conferencia dos Alcades de Galicia e Norte de Portugal, celebrada en setembro, acompañada polo secretario xeral do Eixo Atlántico e por José Luís Méndez Romeu, un dos coautores do informe.

Xoan Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico afirmou que “durante a pandemia os municipios asumiron o liderado, que partedo coñecemento, do debate, da reflexión e do respecto á cidadanía".

José Luis Méndez Romeu puxo a Lugo como exemplo ao primeiro de Galicia en adoptar medidas económicas para facer fronte á pandemia. “Ás veces estas cousas dinse localmente, pero tamén se toma nota no resto do país”, sinalou.

Venres, 11 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo reivindica o papel transformador dos Concellos na etapa Post-Covid

A alcaldesa de Lugo presentou hoxe as principais conclusións do informe final da Conferencia de Alcaldes do Eixo Atllántico celebrada o pasado setembro en Pontevedra, polo secretario xeral deste organismo, Xoán Vázquez Mao e por José Luís Méndez Romeu, un dos coautores do informe, para dar conta do contido do mesmo.

“A primeira gran reunión de rexedores de Galicia e do Norte de Portugal – lembrou Lara Méndez - que tivo lugarnos dous países co obxecto de analizar non só os efectos da pandemia senón tamén cal debe ser a folla de ruta a seguir polas cidades para facer fronte aos retos que se nos presentan e saír reforzados desta crise sanitaria, social e económica”.

A rexedora e vicepresidenta do Eixo Atlántico, indicou que “o documento, que xa foi enviado ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez; ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e ao Executivo portugués, recolle nas súas páxinas as análises e as propostas de presente e futuro que saíron da man dos rexedores e dos expertos internacionais que nos acompañaron na Conferencia”, indicou Méndez ao tempo que subliñou que “se algo se evidenciou nese encontro é o liderado claro do municipalismo nesta pandemia”.

“As cidades xogamos, xa dende o primeiro momento, un papel determinante e clave xa que fomos as administracións locais, as máis próximas, as que estivemos afrontando as medidas sanitarias de apoio pero tamén as que despregamos todo un escudo social para atender as demandas da veciñanza, dos colectivos máis vulnerables - como as persoas sen fogar, os maiores e a infancia ou ás mulleres vítimas da violencia de xénero - pero tamén aos sectores económicos”,afirmou e referiu, como mostra da capacidade de resposta amosada, “e fronte ao inaudito da situación”, o impulso dado a moitos procesos, nos que xa se estaba a traballar, como a creación de novos espazos de convivencia interxeracional oua transformación da mobilidade e dun novo urbanismo, máis sostible na loita contra o cambio climático, no que Lugo está a vangarda.

Neste senso, a alcaldesa puxo como exemplo a activación, “xa ao día seguinte do Estado de Alarma, dos plans especiais de limpeza, de programas de apoio ás persoas maiores, especialmente ás que viven soas, dun plan de choque económico de axudas directas como o Plan Reanima, de asesoramento e formación á pemes e autónomos, de dixitalización, etc.... “E como Lugo, moitas das cidades amosaron estar en mellor disposición que outras administracións para detectar necesidades e dar respostas rápidas”.

Para a rexedora, “evidenciouse nesta emerxencia que os liderados locais das cidades son fundamentais para atender non só os desafíos locais senón os grandes desafíos globais, precisamente porqué é nos territorios urbanos onde máis se sofren as súas consecuencias” e lembrou, para contextualizalo, que, mentres no plano europeo se estaba aínda a negociar con Hungría e Polonia o retiro do seu veto aos orzamentos europeos e ao fondo de recuperación, “en Lugo, anticipándonos aos problemas que se detectaban, traballamos con moita previsión na creación de ferramentas propias en prol desa recuperación: a estratexia Lugo Transforma para captar investimentos e empresas e crear postos de traballo, e nos orzamentos do 2021, expansivos e inversores e que inclúen a maior partida da nosa historia para políticas sociais”.

Lara Méndez salientou a valía do informe da Conferencia de Alcaldes “por estar elaborado desde o coñecemento máis directo das necesidades da veciñanza. É nos nosos territorios onde se está a visibilizar con rotundidade as contradicións e vulnerabilidade das sociedades urbanas no tempo post-COVID, así como os riscos de que se aceleren as tensións e desigualdades preexistentes”.

“E somos nós, os concellos, os que debemos inferir confianza na veciñanza e esperanza no futuro despois de meses de medos e incertezas, co fin de que non se quede paralizada”.

A alcaldesa de Lugo aproveitou a súa intervención para solicitar que toda esa experienciase teña agora en conta ao obxecto de destinar os recursos para minorar os efectos negativos e prexudiciais que sufrirán as cidades de manterse as restricións derivadas da emerxencia sanitaria.

“Ata o de agora, os municipios atendemos a pandemia única e exclusivamente con recursos propios, pero na etapa que afrontamos necesitamos novas vías de financiamento que axuden á transformación das cidades e a novos enfoques produtivos”.

A rexedora desgranou tamén algunhas das liñas que, tanto os expertos reunidos en Pontevedra como os rexedores de Galicia e do Norte de Portugal, indicaron como estratéxicas para abordar o futuro e que pasan por unha maior atención ao cambio climático, ao urbanismo sostible, a dixitalización e a conectividade, básica neste momento para asentar poboación no rural. 

“Falamos de afrontar medidas para atallar a crise demográfica, impulsar ás comunicacións, instando a avanzar no Corredor Atlántico e, desde Lugo, insistimos en esixir que se inclúa neste corredor ferroviario de mercancías os tramos Ferrol-Coruña-Lugo-Monforte. Tamén hai que adoptar medidas enfocadas á cidades máis tecnolóxicas e intelixentes e tamén para mellorar o funcionamento da administración, reducindo trabas burocráticas”.

“E pedimos, ademais – abondou Méndez - un traballo en rede entre as Administracións. Así o esixe a situación, así o esixe a cidadanía. Debemos deixar a un lado as guerras partidistas e desenvolver políticas de colaboración, con altura de miras, porque só así, desde a responsabilidade individual e a responsabilidade de cooperación entre administracións e institucións conseguiremos saír desta pandemia reforzados, o que será, sen dúbida, un éxito colectivo”, concluíu a rexedora de Lugo.

Pola súa banda, o secretario de xeral do Eixo, Xoan Vázquez Mao, puxo de manifesto que, durante a pandemia os municipios asumiron o liderado, “un liderado que partedo coñecemento, do debate, da reflexión, do respecto á cidadanía que é o que estamos exercendo a través de algo tan simple como poñer en común as prioridades políticas que cada un defende co coñecemento dos expertos de alto nivel. É ademais un liderado innovador, pois fomos os primeiros en facer algo así a nivel europeo”.

José Luis Méndez Romeu, un dos relatores principais do informe, trasladou que no documento queda patente que “existe unha coincidencia de criterios, unha coincidencia na análise dos obxectivos e nas estratexias e tense verificado entre as alcaldesas e os alcaldes de todo o espectro político galego e portugués que hai unhas liñas de pensamento común derivadas de algo moi evidente a estas alturas: que a pandemia foi un feito principalmente urbano, e que as consecuencias da pandemia no ámbito socioeconómico, no ámbito urbanístico e no ámbito dos servizos públicos van ter que ser abordadas principalmente polas corporacións locais”

Romeu sinalou tamén que “hoxe, en toda Europa, se están experimentando solucións de ecobarrios onde o que se intenta principalmente é minorar a pegada de contaminación, e doutra banda reducir e se é posible suprimir o tráfico dentro deses ecobarrios e evitar os desprazamentos innecesarios, para tratar de gañar calidade de vida e sobre todo recuperación do espazo público, á semellanza do que Lugo xa está a levar a cabo”.

E nese senso destacou que “hai que subliñar que o Concello de Lugo foi o primeiro de Galicia en adoptar medidas económicas para facer fronte á pandemia, ás veces estas cousas dinse localmente, pero tamén se toma nota no resto do país”.

Audio

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo reivindica o papel transformador dos Concellos na etapa Post-Covid

Noticias relacionadas