A alcaldesa de Lugo conmemora co alumnado do CEIP Cervantes o Día da Arbore no parque de Frigsa

Leron un manifesto e un poema, a cargo dunha representación dos alumnos de todos os cursos, e colocaron códigos QR diante de nove especies arbóreas do parque.

Lara Méndez felicitoulles polo traballo desenvolvido e lanzoulles unha mensaxe de confianza: “Sodes o futuro. Accións como a de hoxe dinnos que o planeta ten esperanza”.

Luns, 21 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A alcaldesa de Lugo conmemora co alumnado do CEIP Cervantes o Día da Arbore no parque de Frigsa

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Tenente de Alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, celebraron hoxe o Día da Árbore xunto co alumnado do CEIP Cervantes, que conmemoraron a xornada no Parque de Frigsa.

Os estudantes leron un manifesto así como un poema, a cargo dunha representación dos alumnos de todos os cursos, e procederon a colocación de códigos QR diante de nove especies arbóreas do parque. Ditos códigos trasladan información das especies confeccionada polo alumnado.

A rexedora felicitou ao director do colexio, José Antonio Castro Lodeiro, así como ao alumnado polo traballo desenvolvido e pola súa implicación. Destacou a importancia de que os mozos e mozas lucenses sexan conscientes xa dende pequenos da necesidade de preservar o medio ambiente. “É fundamental concienciar desde a infancia, porque son os nosos fillos e fillas, netos e netas, os herdeiros das accións e das decisións que estamos a desenvolver os adultos, pero son tamén as que, en moitas ocasións, dan exemplo aos maiores sobre o coidado da nosa contorna natural”, sostivo.

Méndez lanzoulles unha mensaxe tamén de confianza: “Sodes o futuro, e accións como a de hoxe dinnos que o planeta ten esperanza”.  A alcaldesa explicoulles que na cidade onde vivían se está a traballar seriamente e con proxectos ambiciosos na loita contra o cambio climático, “e partimos da premisa de que o coñecemento e a educación ambiental son fundamentais para entender as responsabilidades individuais e colectivas, así como os beneficios de coidar e preservar os recursos naturais dos que dispoñemos”.

Multimedia

  • A alcaldesa de Lugo conmemora co alumnado do CEIP Cervantes o Día da Arbore no parque de Frigsa

Noticias relacionadas