Grazas ao Plan de Barrios que sacou adiante o Goberno de Lara Méndez dentro dos Orzamentos deste ano, renovarase o servizo nas rúas do Teixo e Ligustro

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, mantivo este venres unha xuntanza coa veciñanza do barrio de Fingoi, á que anunciou que grazas ao Plan de Barrios que sacou adiante o Goberno local dentro dos Orzamentos deste ano, levaranse a cabo melloras na rede de abastecemento do barrio, en concreto, renovaranse as canalizacións das rúas do Teixo e Ligustro. Méndez destacou neste senso que é imprescindible contar con presuposto para poder atender as necesidades e peticións dos veciños e veciñas da cidade.
No caso do proxecto de renovación da rede de abastecemento da rúa do Teixo, o inicio das obras está previsto para mediados do vindeiro mes. En canto ao correspondente á rúa Ligustro, o proxecto está en tramitación.
Ademais de explicar os proxectos que o Goberno ten previsto a curto prazo no barrio, a Alcaldesa, acompañada dos concelleiros de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e Benestar Social, Ana González Abelleira, escoitaron as necesidades da veciñanza co fin de acometelas cos orzamentos deste ano se é posible, ou ben incorporalas ao próximo presuposto municipal.