Adxudicado ao arquitecto Rodríguez Moscoso a redacción dos proxectos de humanización de Quiroga Ballesteros

É o coordinador do equipo multidisciplinar que gañou o concurso de ideas convocado polo Concello cunha proposta para a cuberta a base de árbores artificiais de metal, vidro e madeira a modo de bosque urbano

O importe do contrato é de 18.150 euros e o prazo de presentación do proxecto de peonalización remata o 26 de decembro

Martes, 05 de decembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, asinou este martes o decreto co que aproba a contratación do servizo para a redacción dos proxectos técnicos de humanización da rúa Quiroga Ballesteros e a súa adxudicación ao arquitecto lucense José Antonio Rodríguez Moscoso, autor xunto cun equipo multidisciplinar da proposta gañadora do concurso de ideas convocado polo Concello para elixir o deseño.

A oferta económica presentada por Rodríguez Moscoso é de 18.150€. En canto aos prazos, o 26 de decembro rematará o de elaboración do proxecto de peonalización e para o da cuberta disporá de tres meses. O equipo redactor deberá ser multidisciplinar, pois do mesmo deben formar parte necesariamente un enxeñeiro de camiños, un arquitecto, un enxeñeiro técnico agrícola  e un aparellador. As estimacións do Goberno apuntan a que as obras de peonalización poderían comezar antes do verán.

A proposta gañadora consiste nunha pérgola a base de árbores artificiais a modo de bosque urbano que soportan unha cuberta de vidro con acabado tamizado. As árbores proxectadas teñen un tronco tubular metálico de diferente diámetro e a copa asemella unha estrutura de madeira laminada de forma sensiblemente cadrada, aínda que de esquinas redondeadas e atravesada pola luz, pero que proporcionará unha sombra discontinua. Os ocos entre árbores cubriranse igualmente con vidro e as copas terán sendas tiras de luz indirecta que proporcionará unha iluminación suave e agradable a nivel de peón.

A cuberta formalízase a dous niveis, de maneira que cada un deles responde á necesidade de non interromper a linguaxe de fachada dos dous edificios anexos -Praza de Abastos e Mercado Municipal- e co fin de conseguir xunto coa planta baixa dos mesmos unha imaxe de conxunto. Así mesmo, ao estar a dous niveis, xérase unha ventilación lonxitudinal vertical que, aínda que non permite o paso da choiva, si facilita a renovación do aire, evitando situacións puntuais de efecto invernadoiro ou a acumulación de malos olores.

Premisas

Os condicionantes que marcaron o deseño da cuberta foron, como describe Rodríguez Moscoso, a necesidade de dar continuidade á conexión de ambos mercados a nivel de planta baixa, o respecto polos dous edificios que delimitan lateralmente o espazo, a diferencia de linguaxe de cada un dos dous inmobles, a diferencia de alturas entre eles, a presencia de elementos próximos catalogados de carácter relixioso, e a necesidade autoimposta de xerar un espazo multifuncional con múltiples posibilidades de uso que dinamice esta parte da cidade.

Peonalización

En canto á peonalización, a candidatura elixida contempla dúas zonas diferenciadas, a que quedará descuberta e a cuberta (entre a Praza e o Mercado). O plantexamento descrito polo autor é o seguinte:

  • Pavimento con pezas de granito de gran formato –pedras salgadas con acabado labrado-, ao mesmo nivel na súa totalidade co fin de eliminar toda barreira arquitectónica, e sobre el configurar unha serie de espazos de relación e descanso cun pavimento diferente –granito claro-. Estes espazos de relación albergarán o mobiliario urbano, como bancos antivandálicos de formigón con papeleiras integradas e de baixa altura para permitir o seu uso por parte de persoas con mobilidade reducida
  • O tráfico rodado limitarase á carga e descarga e aos residentes, e discorrerá próximo á fachada norte da rúa, de maneira que non supoña unha interferencia no funcionamento eminentemente peonil da mesma. Estas zonas de carga e descarga concentraranse nas proximidades dos mercados e locais comerciais a través dunha intervención sutil e de convivencia respectuosa co resto de usos. Deste xeito, consistirán simplemente nun pavimento diferente a base de lousas de granito claro alba ranurado de gran formato
  • A recollida de residuos concentrarase nun só punto coa colocación de contedores soterrados ao fondo da Praza de Santo Domingo
  • A entrada de cada un dos edificios de vivendas trátase de maneira específica dada a calidade arquitectónica dos mesmos, colocando unha gran lousa de granito silvestre moreno con acabado apiconado que levará no lateral dereito unha tira de luz led no chan. Isto busca poñer en valor cada inmoble facéndoo patente no propio lenzo da rúa
  • Contémplase un alumeado de chan co fin de conseguir un carácter cálido e acolledor a nivel de rúa que permita a iluminación suave e indirecta dos edificios facéndoos novamente protagonistas como cortina de fondo e fuxindo de solucións nas que a parte alta das fachadas adoita quedar oculta pola iluminación dos farois. Ademais, consegue eliminar do horizonte da rúa unha gran cantidade de elementos de superficie, co que se consegue un aspecto máis limpo

Espazo dinámico e multifuncional

En toda a composición, o autor recalca o obxectivo de que a intervención sexa integrada e respectuosa ao máximo co patrimonio arquitectónico que define a rúa e que poña en valor as características propias desta zona da cidade. Así mesmo, o deseño busca a configuración global da rúa como un espazo dinámico no que se sitúen terrazas de hostalería para o goce da cidadanía, e se poidan celebrar actos, como representacións teatrais, mercadillos, exposicións ou degustacións, esto é, ampliar o horizonte de usos que se lle pode dar á rúa, máis alá dos estritamente comerciais.

Noticias relacionadas