Adxudicadas por 1,2 millóns as obras de construción do novo Centro de Servizos Sociais interxeneracional e polivalente de Lamas de Prado

Os traballos contan cun período de execución de 12 meses e a empresa encargada de levalos a cabo será Prado Lameiro S.L.

Lara Méndez: “Este centro prestará servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias”.

Será un edificio de consumo enerxético case cero, empregando a madeira como principal elemento estrutural, e disporá dunha zona verde ao seu redor.

Contará, ademais, cunha distribución flexible para desenvolver actividades para os maiores, os mozos e os máis cativos e para facilitar a conciliación.

Mércores, 10 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Adxudicadas por 1,2 millóns as obras de construción do novo Centro de Servizos Sociais interxeneracional e polivalente de Lamas de Prado

A Xunta de Goberno Local aprobou na reunión deste mércores a adxudicación das obras de construción do novo Centro de Servizos Sociais de Lamas de Prado por un importe de 1.230.265,08 euros. Este equipamento, levantarase nunha parcela municipal de 886 m2 cadrados, que linda coa rúa Aquilino Iglesia e Fábrica de Abella. Os traballos contan cun período de execución de 12 meses e a empresa encargada de levalos a cabo será Prado Lameiro S.L., logo de presentar a oferta máis vantaxosa.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, apuntou que “estas novas instalacións prestarán servizo a unhas 20.000 persoas dos barrios do Carme, A Cheda, Abuín-Abella e Castiñeiro, así como de diversas parroquias. O obxectivo é integrar nun só edificio, moderno e funcional, os locais da zona nos que actualmente se levan a cabo labores de benestar social, e que quedaron xa pequenos, e crear espazos polivalentes para dinamizar actividades para os nosos maiores e para os mozos e mozas, favorecendo así a convivencia interxeracional, pero tamén para os máis pequenos facilitando a conciliación das familias”.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea, que contempla entre os seus obxectivos o desenvolvemento de accións para fomentar a inserción laboral e reducir o risco de exclusión. Deste xeito, o novo centro contribuirá á revitalización da zona, cunha nova imaxe de modernidade, innovación e mellora estética, ao tempo que se busca inserir social e laboralmente a colectivos vulnerables.

Na súa construción teranse en conta criterios medio ambientais e de sustentabilidade, empregando a madeira como principal elemento estrutural, na liña do edificio Impulso Verde que se está a levantar na Garaballa, e dentro da aposta por un novo modelo de urbanismo sostible que impulsa o executivo municipal, principalmente a través do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

Neste senso, na elaboración do proxecto tívose en conta a esixencia de alcanzar un edificio de consumo enerxético case cero e a instalación de paneis fotovoltaicos, ao tempo que se proxecta unha zona verde ao redor deste espazo público, co fin de conformar unha separación co tráfico rodado. Ademais, na área de aparcamento se contemplan prazas de recarga eléctrica.

No seu deseño tamén se tiveron en conta criterios de ubicación en función das horas solares, e a zona sur disporá dun peche de láminas de madeira para regular a incidencia do sol e controlar o confort climático interior.

O inmoble disporá de dúas plantas e un soto, que funcionará de xeito independente: a planta baixa, que terá unha distribución flexible, albergará actividades recreativas e formativas, coas que facilitar a convivencia interxeracional e a conciliación familiar; e a planta superior destinarase a labores de traballo social.

O centro destinarase a realizar distintas funcións: asesoramento e axudas sociais, formación e cursos, así como actividades recreativas ou de ocio tales como baile, teatro, espectáculos, xogos, etcétera. Contará cun equipo interdisciplinar constituído por traballadores sociais, educadores, animadores, auxiliares e conserxería.

Distribución do espazo

Zona Espazos Servidores (Planta Soto):

Esta zona albergará os aseos, que dan servizo aos espazos principais da Planta Baixa, o cuarto de instalacións e o almacén xeral. Tanto o cuarto de instalacións como o almacén comunican directamente cun distribuidor interior dotado dun elevador mixto (persoas-cargas). Esta característica facilita a carga e descarga de material e equipos xa que se trata dun elevador de dobre embarque que permite o acceso directo do material a beirarrúa.

Zona Recreativa / Formativa (Planta Baixa):

A planta baixa terá unha distribución flexible, é dicir, empregarase tabiquería móbil, o que permitirá adaptar a distribución das particións interiores aos usos e actividades que se vaian a desenvolver en cada momento. Nesta planta situarase o vestíbulo principal, unha zona de información e conserxería, así como unha zona polivalente que se poderá utilizar como salón de actos para 150 persoas, ludoteca, sala de conferencias, sala de lectura, sala de xogos, sala de ximnasia ou de baile.  

Así mesmo, a planta baixa incorporará na fachada oeste unha apertura que permitirá “invertir” o sentido de funcionamento da zona expositiva do centro, e crear un espazo público no que sexa posible desenvolver actuacións exteriores, gozando da comodidade e medios que achegan a utilización do escenario e instalacións do centro. Os laterais da planta baixa contarán, así mesmo, con grandes ventanais para permitir a relación co espazo exterior e introducir a maior cantidade posible de luz nas estancias.

Zona Traballo Social (Planta Primeira):

A planta superior organízase en franxas de sentido lonxitudinal ao longo do edificio. Albergará a zona de traballo social e contará con: unha zona de información, 7 despachos, dúas zonas de espera, un arquivo e aseos.

Noticias relacionadas