175.000 pasaxeiros viaxan de media ao mes no transporte público urbano de Lugo, 2,1 millóns en todo o 2015

Os meses de maior volume de usuarios foron outubro e marzo, rexistrándose unha maior afluencia os luns e venres, de 08:30 a 10:00 horas e dende as 12:30 ás 13:30 horas. As liñas con máis pasaxeiros son a 9 e 9A

O Concello aproveitará  a nova concesión para modernizar e mellorar a prestación do servizo co fin de  facer a rede de transporte público máis eficiente e accesible para os veciños e os visitantes

Xoves, 14 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O servizo de transporte público urbano de Lugo, o máis barato de Galicia, rexistrou unha media mensual de 175.000 pasaxeiros no ano 2015, superando os 2,1 millóns de usuarios o pasado ano, unha cifra que se mantén estable en relación ao 2014.

Os meses de maior volume de pasaxeiros foron os de outubro e marzo, con máis de 193.000 e 190.000 usuarios, respectivamente, por diante de abril, maio, xuño e novembro, que superan os 180.000 usuarios; xaneiro e febrero, máis de 170.000; xullo e setembro, máis de 168.000 e máis de 156.000 en decembro. O mes que rexistrou menos viaxieros foi agosto, 137.273.

Os días cunha maior afluencia de viaxeiros son os luns e venres, dende as 08:30 ás 10:00 horas e dende as 12:30 ás 13:30 horas. As liñas con máis pasaxeiros son a 9A (Do Ceao á Praza do Rei) e a 9 (O Ceao-Praza do Rei-San Roque).

O servizo de autobús urbano de Lugo conta dende o 2011 cunha tarifa de billete ordinario de 0,64 euros, sendo o máis barato de Galicia e un dos máis baratos de España, moi por debaixo dos 1,23 euros de media.

Modernización do servizo

O Concello aproveitará a nova concesión –o proceso administrativo está a piques de rematar- para a modernización e mellora da prestación do servizo, adaptándoo á realidade do municipio. Nos propios pregos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas particulares –dispoñibles no Perfil do Contratante, na páxina web do Concello-, figura recollido especificamente que a empresa que resulte concesionaria deberá realizar un estudo pormenorizado de todas as liñas urbanas, e as medidas para mellorar o seu funcionamento e corrixir calquera deficiencia. Tras a oportuna
tramitación e emisión dos informes técnicos procedentes, este estudo deberá ser aprobado polo Concello.

O Goberno local considerou máis idóneo implicar á empresa que resulte concesionaria na mellora das liñas porque contará con persoal especializado para facer o devandito estudo e será a que, en definitiva, aplique as medidas que se adopten.

A directriz marcada polo Executivo é redimensionar as liñas para adaptalas á realidade da cidade co fin de facer a rede de transporte público máis eficiente e accesible para os veciños e veciñas, e os visitantes, esto é, acercar aos cidadáns a onde desenvolven a súa vida e actividade, o que contribuirá a mellorar a mobilidade e baixar a densidade de tráfico. Deste xeito, se ben durante moito tempo un dos grandes polos de actividade foi o Campus, nos últimos anos sumáronse outros, como pode ser o HULA ou o polígono das Gándaras, no que se están a conceder un importante número de licencias para o inicio de actividade industrial.

Noticias relacionadas