Alexandre Penas: "continuamos a mellorar as rúas da cidade, actuando nun treito de Fontiñas que se atopa moi deteriorado".
Os traballos terán unha duración de 4 días, e requerirán de modificacións no tráfico rodado.

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas anunciou que o vindeiro mércores darán comezo os traballos de renovación do firme na avenida das Fontiñas, nun treito comprendido entre os números 254 e 310 en dirección cara á avenida de Madrid. Trátase dunha intervención destinada "a mellorar o estado dun dos treitos máis desgastados dunha das vías de Lugo que acollen máis tráfico", explicou Alexandre Penas. A Tenencia de Alcaldía traballa para garantir "unha circulación máis segura e cómoda tanto para os condutores como para os peóns", destacou Penas.
Penas explicou que estes traballos consistirán na instalación dunha nova capa de rodadura baseada en mestura asfáltica en quente, e na renovación da sinalización horizontal unha vez rematen os traballos.
Para a execución dos traballos faise necesario entre os números 254 e 310 de Ronda das Fontiñas, ocupar todo o ámbito da calzada, as prazas de estacionamento e os carrís de circulación existentes con dirección Ronda das Mercedes. Debido a isto, o tránsito de vehículos desviarase por Rúa Sanxillao, Rúa Rof Carballo Humanista, Avenida Vila Verde Cidade de Portugal, Rúa do Nubeiro, Rúa Rei Don García e Rúa Montirón. En todo momento garantirase o tránsito peonil na zona, os accesos a vivendas, garaxes e locais comerciais, deixando espazo suficiente para que os peóns e usuarios circulen con seguridade.


