Varios informes municipais veñen advertindo desde hai máis dun ano do mal estado das zonas verdes, con parterres cheos de pedras, árbores secas e ausencia total de sistema de rega.
Tamén se constatan problemas nas zonas de drenaxe e nos taludes, con pendentes excesivas que dificultan o mantemento e poñen en risco a seguridade dos traballadores.
“Queremos recepcionar o aparcadoiro, pero non imos facelo mentres non se atope en condicións dignas e seguras; a Xunta debe corrixir o que fixo mal”, advertiu o rexedor.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou esta semana o aparcadoiro da Avenida de Breogán para comprobar o seu estado actual e reclamar á Xunta de Galicia a subsanación das numerosas deficiencias detectadas na obra, requisito imprescindible para que o Concello poida recepcionala e poñela ao servizo da veciñanza.
Os informes municipais emitidos ao longo do último ano veñen advertindo reiteradamente do estado deficiente da infraestrutura, especialmente nas zonas verdes e nos elementos de conservación, que non cumpren cos estándares mínimos esixidos polos servizos técnicos. Entre as deficiencias detectadas figura a carencia total de céspede, a presenza de pedras e malas herbas nos parterres, a ausencia dun sistema de rega e a falta de limpeza e adecuación dos espazos.
“Queremos recepcionar o aparcadoiro, pero non imos facelo mentres non se atope en condicións dignas e seguras; a Xunta debe corrixir o que fixo mal. Non é responsabilidade do Concello arranxar unha obra executada por outra administración nin asumir un mantemento que sería moito máis custoso pola súa mala execución”, advertiu Fernández, quen lembrou que o Goberno local leva meses solicitando á Xunta que actúe “con responsabilidade e dilixencia” para permitir a posta en servizo dunha infraestrutura necesaria para o barrio e para o conxunto da cidade.
Os informes tamén constatan problemas de drenaxe e pendentes excesivas nos taludes, que dificultan o uso de maquinaria e incrementan o risco laboral, así como pavimentos filtrantes cubertos de malas herbas e medianas centrais deterioradas. Ademais, as canles de recollida de augas pluviais presentan dificultades de acceso, o que complicará as tarefas de limpeza e mantemento. A actuación carece dun sistema de rega automático, o que fai inviable garantir unhas condicións mínimas de conservación, especialmente nos meses de verán.
Fernández explicou que o proxecto orixinal prevía tamén zonas de carga para vehículos eléctricos e cámaras de videovixilancia que non están instaladas, polo que solicitou á Xunta “que aclare cal é a situación deses elementos e cando pensa completar a obra segundo o previsto”. O alcalde engadiu que “é completamente inviable que o Concello poida recepcionar a infraestrutura no estado no que se atopa, porque o seu mantemente sería imposible de levar a cabo”.
O rexedor lembrou que se trata dunha infraestrutura moi necesaria para a zona e que leva máis dun ano pechada porque a Xunta non corrixiu as deficiencias detectadas, o que está a prexudicar o día a día do barrio e a mobilidade do entorno. “O que queremos é que entre en funcionamento canto antes, pero para iso ten que entregarse en condicións adecuadas. O Concello está preparado para recepcionalo no momento en que iso ocorra”, afirmou Fernández.
O Goberno local subliña que o Concello de Lugo mantén plena disposición a recepcionar o aparcadoiro en canto a Xunta corrixa as deficiencias e o entregue en bo estado, permitindo así poñelo en servizo e incorporalo á rede de aparcamentos públicos da cidade. “Actuamos con responsabilidade e rigor, pensando no interese da veciñanza, non en intereses partidarios. O que pedimos é algo tan básico como que se entreguen as obras en condicións”, concluíu o rexedor.
Audio
- O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o aparcadoiro da Avenida de Breogán | Descargar mp3


