Carmen Basadre presentou a programación que se iniciará co pregón do xornalista e escritor Xosé de Cora
De forma itinerante, por todas as rúas do casco histórico e distintos barrios da cidade, poderase gozar con distintas actuacións, tanto de música como de teatro
O tradicional concurso de disfraces infantil terá lugar o sábado 2 e o de adultos celebrarase o martes 5. Ambos os dous comezarán a partir das 17:00 horas. O prazo de inscrición aínda está aberto
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres, na Sala de usos múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a programación que organiza o Concello para este Entroido.
Lugo celebrará estas datas a ritmo de charangas, con animación teatral e dous desfiles, que repartirán máis de 6.000 euros en premios. Como vén sendo habitual, o pregón marcará o inicio destes festexos, o venres día 1, ás 20:00 horas, no Salón de Plenos do Concello, a cargo do xornalista e escritor Xosé de Cora Paradela, que titula o seu pregón Disfrazado de bando. Posteriormente actuarán as charangas Clave de Sol e Va K Pinta polo Campo Castelo, San Pedro, Mártires de Carral, rúa do Progreso, San Marcos, rúa Nova, Praza do Campo, Rinconada do Miño e o resto do recinto histório. Tamén terá lugar a representación teatral Thriller, no fondo da Praza Maior, a cargo dos Palimoquiños & cía e Down Lugo.
Carmen Basadre, que fixo un convite para gozar en familia da época con máis humor e animada do ano, avanzou que, de forma itinerante, por todas as rúas do centro e distintos barrios da cidade, se poderá gozar con distintas actuacións, tanto de música como de teatro. En total serán 17 charangas, batukada e grupos de música tradicional, 4 grupos de teatro e unha clases aberta de baile. O sábado 2 será a quenda das charangas Son de Lugh, Era Visto, Viño Branco, Aturuxo e Troula Psy-codelia; o domingo 3, de Tambukada, a charanga da Casa da Música e Garrafón.com. Pola súa banda, o luns 4, o ritmo poñerano as actuacións de Os Virtusoso do Tinto, Ars Nova, Perkusiona, Terra Chá e Louband, e o humor os grupos de teatro de Lugo Achádego e Nostrum Cai. O propio día do Entroido actuará o grupo de música tradicional Raíces do Campo e a charanga Caliqueños.
O tradicional desfile infantil terá lugar o sábado 2 de marzo e o de adultos celebrarase o martes 5 de marzo. Ambos os dous comezarán a partir das 17:00 horas. As e os participantes concentraranse na Praza da Soidade media hora antes do desfile, que terá o seguinte percorrido: rúa Antón Fraguas Fraguas, Quiroga Ballesteros, Santo Domingo, rúa da Raíña e Praza Maior.
As inscricións deberán realizase no departamento de Cultura, na Praza Maior, antes das 14:30 horas do venres, 1 de marzo, para o certame infantil, e do luns, 4 de marzo, para o de adultos.
O xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio e vinculadas coa tradición do Entroido na nosa cidade.
Os premios son os seguintes:
En canto a nenos e nenas
Individual
- 1º premio: vale por lote de libros de 50 euros
- 2º premio: vale por lote de libros de 40 euros
- 3º premio: vale por lote de libros de 30 euros
- Premio especial ao disfrace reciclado: vale por lote de libros de 50 euros
Parellas
- 1º premio: vale por lote de libros de 75 euros
- 2º premio: vale por lote de libros de 60 euros
- 3º premio: vale por lote de libros de 50 euros
- Premio especial ao disfrace reciclado: vale por lote de libros 75 euros
Comparsas
- 1º premio: vale por lote de libros de 150 euros
- 2º premio: vale por lote de libros de 120 euros
- 3º premio: vale por lote de libros de 100 euros
- Premio especial ao disfrace reciclado: vale por lote de libros de 150 euros
Na categoría de infantil haberá un premio especial para os disfraces de elaboración propia con materiais reciclados: papel, cartón, cartolina, cortizas, follas de árbores, plásticos ou bricks, entre outros. A obtención deste premio será compatible con algún dos outros tres.
Para os adultos
Individual
- 1º premio: 500 euros
- 2º premio: 300 euros
- 3º premio: 200 euros
- 3 premios de 50 euros
Parellas
- 1º premio: 600 euros
- 2º premio: 400 euros
- 3º premio: 300 euros
- 5 premios de 100 euros
Comparsas
- 1º premio: 1.100 euros
- 2º premio: 800 euros
- 3º premio: 600 euros
- 7 premios de 200 euros
O programa de actividades finalizará o 6 de marzo, mércores de cinza, co tradicional enterro da Sardiña, ás 20:00 horas. Para rematar o Entroido celebrarase o xa clásico concurso de ferretes, que conta coa colaboración do Concello, e cunha dotación de 500 euros en premios. As bases deste certame xa se poden consultar na web municipal, www.lugo.gal
Audio
- Carmen Basadre, sobre o entroido | Descargar mp3
Documentos
- Cartel do entroido | Descargar pdf
- Flyer do entroido | Descargar pdf