Trátase dunha actividade gratuíta, incluída no programa municipal Lugo +Xti, para a que é posible apuntarse na web www.urbantour.es, ata o vindeiro 29 de agosto.
A competición contará cos xuíces Yosua, kastro e Toro; co DJ Sam the Lord of the Tree; e rematará cunha exhibición do freestyler lucense Lesoul33 contra o vencedor da batalla.
O concelleiro desta área municipal, Jorge Bustos, convida á mocidade de Lugo a poñer a proba as súas dotes para a improvisación nesta xornada dedicada ao rap.

O Concello de Lugo, a través de área de Xuventude e Deporte, está a organizar para o vindeiro día 6 de setembro unha gran batalla de galos, na Praza de Augas Férreas. Trátase dunha actividade gratuíta, á que poden apuntarse todos aqueles que queiran competir por facerse co título de mellor rapero ou rapera, e cuxa inscrición estará aberta ata o vindeiro día 29 de agosto, na web www.urbantour.es.
Desde este departamento municipal anímase á xuventude lucense a participar nesta actividade, incluída no programa +xti e financiada polo Plan Nacional sobre Drogas, nunha competición na que poderán demostrar as súas habilidades para o rap, é dicir, para a improvisación, o ritmo, a capacidade de crear rimas e para todo o talento que require este estilo musical urbano.
O concelleiro de Xuventude e Deporte, Jorge Bustos, anima á mocidade de Lugo a “poñer a proba as súas dotes para a improvisación nesta xornada dedicada ao rap, un estilo de música enmarcado na cultura do hip hop, e que para esta batalla de galos contará ademais coa participación domo speaker do freestyler lucense Lesoul33, que fará unha exhibición e competirá contra o vencedor da batalla do día 6”. LE33 é todo un referente a nivel nacional como o proba a súa participación o pasado mes de xullo no Red Bull 2025, o campionato de rap máis importante de España, no que logrou pasar a cuartos de final.
Ademais da participación como speaker deste rapero lucense, a batalla de galos de setembro contará coa presencia dos xuíces Yosua, Kastro e Toro, e do DJ Sam the Lord of the Tree.
As persoas interesadas en tomar parte nesta competición terán ata o vindeiro venres 29 de agosto para inscribirse na citada web, na que ademais de complementar un formulario cos seus datos persoais deberán aportar un vídeo no que amosen a súa destreza para improvisar rimas e versos. Estes vídeos serán as cartas de presentación das e dos inscritos, entre os que o xurado fará unha selección previa dun máximo de 16 raperos e raperas, para competir na gran batalla de galos do día 6 de setembro.

