Miguel Fernández e o seu equipo reúnense cos colectivos do transporte para avanzar na creación dun aparcadoiro vixiado para camións nas Gándaras

O encontro dá continuidade ás reunións mantidas anteriormente pola rexedora Paula Alvarellos con Tradime e Aetram, co obxectivo de dar resposta ás demandas históricas do sector.

O rexedor  destacou que “seguimos traballando para que Lugo dispoña dunha infraestrutura necesaria para mellorar a seguridade, a mobilidade e a conciliación das persoas transportistas”.

Xoves, 03 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Miguel Fernández e o seu equipo reúnense cos colectivos do transporte para avanzar na creación dun aparcadoiro vixiado para camións nas Gándaras

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha reunión cos representantes das principais asociacións do transporte da provincia: José Fernández, por parte de Tradime, e Diego Arias, presidente de Aetram. O rexedor estivo acompañado na reunión de traballo polo concelleiro de Urbanismo, Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, e polo director xeral de Urbanismo, Hipólito Pérez.

Durante o encontro, celebrado na Casa do Concello, déronse pasos adiante na creación dun aparcadoiro vixiado para camións no entorno do parque empresarial e do polígono das Gándaras, unha das principais reivindicacións do sector. A xuntanza dá continuidade á liña de traballo aberta por Paula Alvarellos coas dúas asociacións.

“Desde o Goberno local estamos a facer un seguimento constante das propostas que nos traslada o colectivo de transportistas”, explicou o alcalde, quen engadiu que “este proxecto é unha prioridade, e por iso estamos a insistir diante da Xunta na súa necesidade estratéxica”.

Miguel Fernández sinalou que o obxectivo é que “Lugo dispoña dun espazo acondicionado, accesible e seguro, que responda ás necesidades reais das persoas profesionais do transporte e mellore o funcionamento do tecido industrial da cidade”, concluiu.

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre a creación dun aparcadoiro vixiado para camións nas Gándaras | Descargar mp3

Noticias relacionadas