Campaña informativa sobre a submisión química

Abusar dunha persoa que está baixo os efectos da submisión química é un delito e constitúe unha forma de violencia machista.

 

QUE É A SUBMISIÓN QUÍMICA

Baixo os efectos de determinadas drogas, as persoas poden ver afectada a súa consciencia e a súa vontade e ser extremadamente vulnerables ante agresións de todo tipo, incluídas as agresións sexuais. A esa situación de vulnerabilidade provocada é ao que se lle chama submisión química, e pode ser o preludio dunha agresión sexual.

 A submisión química pode ser:

  • Oportunista: cando a vítima consumiu de forma voluntaria alcol ou drogas.
  • Premeditada: cando se administra algunha substancia á vítima para anular a súa vontade.

Esa substancia pode ser vertida nunha bebida ou inxectada mediante as chamadas “picadas” que se aplican nalgunha parte do corpo aproveitando a multitude, a escuridade ou ambas circunstancias.

INDICADORES DE SOSPEITA DE SUBMISIÓN QUÍMICA

  • Amnesia total ou parcial
  • Desproporción entre o que a vítima bebeu e os seus recordos
  • Sensación de que sucedeu algunha cousa de natureza sexual xunto con desconcerto e sentimento de culpabilidade polo suposto consentemento da relación
  • Presenza de fluídos (p.ex. seme), obxectos (p.ex. preservativo) ou lesións (p.ex. erosións ou equimoses) que non se poida explicar a partir dos recordos estando consciente
  • Dor, alteracións ou lesións inexplicadas nas zonas oral, anal ou xenital (hematomas e posibles signos de autodefensa)
  • Síntomas coma sono excesivo, visión borrosa, fala pastosa, confusión, desinhibición, axitación, alucinacións, reviviscencias (flashbacks), mareo ou vertixe, alteracións do equilibrio, nauseas ou vómitos

As seguintes situacións deben alertar da posibilidade de ter sufrido violencia machista a través da submisión química:

  • Espertar espida ou coa roupa desarranxada
  • Espertar cun descoñecido, coñecido ou amigo á beira nun lugar estraño ou inexplicado
  • Ter como último recordo que ese descoñecido, coñecido ou amigo dixo que ía levar á vítima á casa e aparecer noutro sitio

COMO ACTUAR

  • Ó notar unha picada en calquera parte do corpo, se aparece algún dos síntomas sinalados anteriormente, cómpre avisar sen demora ós e ás amigas e amigos, contarlles o que se está a sentir e chamar aos teléfonos de emerxencia.
  • Ó recibir o comentario de que algún amigo ou amiga sentiu unha picada ou ó observar que alguén presenta algún dos síntomas mencionados anteriormente, non se debe restar importancia a esa información nin cuestionala pensando que se trata dunha esaxeración. Non se debe deixar soa á persoa afectada, e de non poder acompañala cómpre chamar aos teléfonos de emerxencia.
  • Logo de ter a sensación de ter sido picada, non afastarse en espera de que a sensación remate.É moi importante non separarse da xente, igual que acompañar a outra muller que se vexa que poida encontrarse nesta situación ata que acudan persoas cualificadas para atendela. Débese chamar ós teléfonos de emerxencia.
  • Débese comunicar o sucedido o antes posible ás persoas responsables do local de lecer ou das festas, ou acudir ao momento ó Punto de Información sobre violencia machista (Punto Violeta) que hai na maioría das festas.
  • Os responsables dun local de lecer chamarán aos teléfonos de emerxencia e, de ser necesario, aos servizos sanitarios.

Se espertas con sospeitas de ser agredida baixo submisión química.

  • Non te cambies de roupa, non te asees, preserva as evidencias.
  • Acode ao hospital en canto poidas para que atendan os teus síntomas e poidan realizarche análises.
  •  Cóntalles o último que lembres e como espertaches para que poidan activar o protocolo de submisión química.
  • Presenta a denuncia na Policía Nacional.

TELÉFONOS DE INTERESE

  • Emerxencias: 112
  • Emerxencias sanitarias: 061
  • Policía Nacional: 091
  • Policía Local: 092
  • Garda Civil: 062
  • Violencia de xénero: 016. 24 h/ 365 días ao ano. Non deixa rastro na factura.

Información elaborada a partir de:

  • EMAKUNDE: Guía para impulsar procesos locales de prevención de la violencia machista contra las mujeres durante las fiestas. 2022. Ayuntamiento de Alicante: Diversión sin sumisión.
  • Direción Xeral de Asistencia Sanitaria, Xunta de Galicia: Procedemento de actuación do Servizo Galego de Saúde ante casos de Sospeita de Submisión Química, versión nº 5, 6 de outubro de 2022.

Máis info