A Xustiza dalle a razón ó Concello de Lugo nunha demanda por suposta cesión ilegal de traballadores

Sábado, 01 de febreiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo vén de recibir o respaldo da Xustiza ás súas teses nunha demanda laboral presentada por un traballador dunha empresa informática que prestou servizos para a institución local.

O Xulgado do social número 1 de Lugo vén de ditar unha sentenza que é favorable ás teses defendidas pola Asesoría Xurídica municipal, xa que establece que o Concello non incorreu en cesión ilegal de traballadores nin ten responsabilidade ningunha no despido dese traballador por parte da empresa que o tiña contratado.

O Concello fora denunciado por un traballador contratado por unha empresa que se encargou de prestar o servizo de mantemento do equipamento informático municipal. O empregado foi despedido por esa empresa cando cesou na contrata que tiña co Concello, que adxudicou a unha nova empresa o servizo de aluguer e mantemento informático.

A sentenza recolle, entre outros feitos probados, que a Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social de Lugo xa investigara unha denuncia formulada polo demandante por un suposto de cesión ilegal e arquivouna no mes de xuño de 2013.

O fallo do Xulgado do social número 1 tamén establece nos fundamentos de dereito que non se constatan datos para “determinar a concorrencia dos requisitos para a cesión prohibida de man de obra”, conclusión que se desprende, entre outros argumentos, de que “a actividade obxecto de contratación (...) reviste caracteres de autonomía, de xeito que a adxudicación de tal servizo a unha empresa privada por parte do Concello demandado está suficientemente xustificada”.

A sentenza declara probado que o demandante desempeñou o seu traballo en dependencias do Concello e o persoal do Servizo de Informática do Concello indicaba ós traballadores da contrata que se atopaben nas dependencias municipais as avarías que tiñan que reparar, pero non lle daba instrucións de como realizar o seu traballo; a empresa era a que propocionaba formación ós seus empregados, a que pagaba os salarios do demandante, autorizaba as súas vacacións e permisos....

Concretamente, o Xulgado indica que “en canto ó exercizo dos poderes empresariais, do relaito dos feitos declarados probados despréndese que correspondía á empresa”, que era quen contrataba ós traballadores, lles proporcionaba a formación adecuada, exercitaba o poder sancionador e autorizaba as vacacións e permisos “sen perxuizo de que, debido á natureza dos servizos a prestar, a execución do servizo exixía unha importante coordinación cos responsables do Servizo de Informática do Concello”.

Ademáis, o Xulgado do social número 1 sinala que os traballadores da adxudicataria non recibían instruccións en canto ó xeito de realizar o traballo, o seu horario non era o mesmo que o do persoal municipal e non quedou acreditado qué tarefas podían realizar “que non implicaran estritamente o mantemento do equipamento informático do Concello de Lugo, ou, no seu caso, con qué frecuencia as podían realizar”.

Noticias relacionadas