A Xunta Local de Seguridade prepara o dispositivo para que o Arde Lvcvs MMXVI sexa de novo un éxito

A Alcaldesa e o Subdelegado do Goberno en Lugo copresidiron esta reunión, na que tamén participou Carmen Basadre e mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional, así como de Protección Civil e Bombeiros

Xoves, 09 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta Local de Seguridade prepara o dispositivo para que o Arde Lvcvs MMXVI sexa de novo un éxito

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, copresidiron a reunión da Xunta Local de Seguridade previa ao Arde Lvcvs, que tivo lugar este xoves no Salón de Comisións do Concello, co fin de preparar e coordinar un dispositivo conxunto de prevención e intervención que garantice a seguridade e o éxito destes festexos, que arrincarán o vindeiro xoves, 16, ás 18:00 horas. Nesta reunión tamén participou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, xunto con mandos da Policía Local, Autonómica e Nacional, así como de Protección Civil e Bombeiros.

O obxectivo deste encontro foi establecer as formas e os procedementos necesarios para conseguir unha coordinación eficaz entre as distintas forzas e corpos de seguridade para que os diversos actos programados, máis de 400, discorran sen ningún tipo de incidentes. Nos vindeiros días celebranse distintas reunións técnicas entre as diferentes forzas de seguridade.

Tras a convocatoria, a Alcaldesa avanzou que o Concello reforzará a presenza da Policía Local, cun total de entre 25 e 30 policías por turno. Ademais, o Corpo de Bombeiros disporá dunha dotación avanzada no centro da cidade, polas inmediacións da Praza Maior, todos os días da festa, reforzando o servizo diario con 6 bombeiros. Tamén estará presente unha ambulancia e repartíronse preto de 60 extintores en todas as zonas onde se desenvolven estes festexos, cos que o Concello agarda concentrar na cidade máis de 600.000 persoas.

Lara Méndez destacou o esforzo das forzas e corpos de seguridade, que xa son coñecedores do que implica e do que supón o Arde Lvcvs para a cidade, para garantir a normalidade e tranquilidade de todos os participantes, lucenses e visitantes, aos que a rexedora lles pediu colaboración e sensibilización.

Pola súa banda, o Subdelegado do Goberno anunciou o compromiso da Policía Nacional de colaborar coa Policía Local para previr posibles incidentes e delitos. Ademais, a Garda Civil de Tráfico realizará controis. 

Audio

  • Lara Méndez, sobre o dispositivo para que o Arde Lvcvs MMXVI sexa de novo un éxito | Descargar mp3

Noticias relacionadas