A Xunta de Goberno autoriza a demolición parcial do inmoble número 3 de Recatelo no que haberá que manter os elementos arquitectónicos singulares

Na reunión desta semana o executivo concedía tamén outra licenza para realizar diversas obras de mellora no Balneario

Mércores, 27 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno autoriza a demolición parcial do inmoble número 3 de Recatelo no que haberá que manter os elementos arquitectónicos singulares

O inmoble número 3 de Recatelo, un dos máis antigos deste céntrico barrio, será proximamente derrubado. A Xunta de Goberno autorizaba hoxe a súa demolición parcial xa que haberá elementos construtivos do mesmo que deberán conservarse.

O edil de Urbanismo, Miguel Couto, salientaba esta mañá algunhas das particularidades do expediente, sinaladas polos técnicos municipais nos seus informes, debido a que o edificio se atopa dentro do trazado do Camiño Primitivo, nun ámbito de cautela arqueolóxica, cun nivel II de protección elevada, dentro do vixente PXOM.

“Non se trata tanto das medidas que se levarán a cabo e que obrigan á consolidación da fachada, as medianeiras e a cheminea, nin do seu importe, que ronda os 4.300€, senón das consideracións emitidas, ao respecto, dende o servizo de Arquitectura, para poder proceder ás mesmas, tendo en conta non só a situación da casa senón tamén a súa singularidade”, indicou o concelleiro.

O feito de estar integrada nunha senda histórica, catalogada ademais como Patrimonio Mundial, determinou a esixencia de preservar os elementos arquitectónicos que sobreviviron a un urbanismo do pasado recente que foi pouco respectuoso coa personalidade urbana local. “Polo tanto, será necesario conservalos para evitar a súa transformación e desnaturalización. De maneira que o criterio de actuación garantirá a necesaria conservación das pegadas tipolóxicas e construtivas do edificio no que haberá de manterse igualmente o interese ambiental co que participaba na escena urbana”, sinalou Couto.

Así, por exemplo, durante os traballos de desentullo os promotores estarán obrigados a documentalos exhaustivamente por medio do preceptivo proxecto técnico na totalidade da edificación mediante a realización do correspondente levantamento dos planos do estado actual e reportaxe fotográfica que permitan no seu día a correcta reconstrución de calquera elemento de interese que fora desmontado. E as posibles pezas singulares que poidan existir ou as de cantería conservaranse no interior do soar, unha vez limpo.

Por outra banda, o executivo local daba tamén o visto bo a diversas obras de renovación e modernización no Balneario de Lugo.

“Algúns dos traballos – abondou o responsable de Urbanismo – inciden na mellora do lucernario no patio interior, onde se substituirá o sistema de recollida de augas pluviais; tamén se modificarán os baños de tres habitacións para adaptalos a persoas con mobilidade reducida; se cubrirán os restos arqueolóxicos cunha estrutura de aceiro e vidro no Sudatio e se revestirán e iluminarán os restos romanos ademais de procederse, nas zonas arqueolóxicas interiores, a facilitar o acceso e o coñecemento do conxunto e, nas exteriores, á súa musealización”.

“A reforma, valorada en 94.471’01€ – referiu Miguel Couto – redundará na conservación e posta en valor dos ámbitos arqueolóxicos nunhas instalacións declaradas BIC polo que foi preciso, antes de autorizala, solicitar o correspondente permiso á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural”.

Aínda en materia urbanística, na Xunta de Goberno desta semana, foi aprobada a unión e ampliación de tres naves, formadas por planta baixa e alta, para almacén de maquinaria e materiais de construción con taller de reparación e oficinas administrativas na rúa da Industria, cun presuposto de 89.100€; así como as obras de legalización dunha vivenda unifamiliar, sita na rúa Margarida, na que se acometeron traballos de conservación e mantemento por valor de 3.618’33€ e, ademais, se autorizou a modificación da distribución dunha obra en construción, na praza da Mina onde se farán variacións nos ocos e acabados de fachada, instalarase unha piscina na terraza dun dos bloques, cambiarase o sistema de calefacción e o número de vivendas, etc, por un importe total de 21.355’99€.

Igualmente, denegouse legalizar as modificacións realizadas nun inmoble de Bispo Ona de Echave tras detectarse varios incumprimentos urbanísticos e por superar a ocupación permitida entre outras deficiencias e tomouse razón da sentenza que desestima un recurso contencioso – administrativo logo de que o Xulgado número 1 de Lugo determinase que concorreu causa de demora na execución dunha obra autorizada, incumprindo o prazo de inicio e o de terminación dun edificio da rúa Nova.

Noutro orde de asuntos tamén se validou definitivamente o proxecto de normalización de predios na rúa dos Canteiros promovido por unha das empresas sitas no polígono do Ceao e se aprobaron os pregos de condicións para a adquisición dun vehículo para a Unidade de Atestados da Policía Local, cun orzamento base de licitación de 100.000€ (IVE incluído).

Igualmente hoxe acordouse publicar a convocatoria das subvencións a asociacións e persoas xurídico – privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido do deporte e para a promoción e o fomento da actividade física, cunha consignación de 143,314’75 euros así como as axudas económicas a deportistas con talento, para a que se dispón unha partida de 26.000 euros

Audio

  • O edil de Urbanismo, Miguel Couto, sobre a demolición no Recatelo | Descargar mp3
  • O edil de Urbanismo, Miguel Couto, sobre as obras no Balneario de Lugo | Descargar mp3

Noticias relacionadas