A veciñanza lucense poderá realizar consultas sobre todo o patrimonio municipal a través dunha aplicación informática

A ferramenta, que tamén disporá dun sistema de xeorreferenciación, inclúese no plan de modernización e transparencia da administración local impulsado por Lara Méndez.

A Xunta de Goberno local aprobará mañá a adxudicación da plataforma, que inclúe a actualización do inventario, que parte de 5.740 inmobles e 240 bens históricos artísticos

Os traballos desta actuación, cun custe de 85.910 euros, terán un ano de duración e permitirán ao Concello realizar unha xestión integral de todas as súas propiedades.

Martes, 01 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A veciñanza lucense poderá realizar consultas sobre todo o patrimonio municipal a través dunha aplicación informática

O Concello de Lugo aprobará na Xunta de Goberno Local de mañá a adxudicación á firma Cotesa dunha plataforma para actualizar e consultar o inventario municipal e para a xestión integral de todo o seu patrimonio. A contratación ascende a 85.910 euros e o traballo terá un prazo de execución dun ano e outro de mantemento.

Esta actuación, enmarcada no plan de transformación, modernización e maior transparencia da Administración local impulsado desde o mandato pasado pola alcaldesa, Lara Méndez, inclúe a integración desta plataforma nun sistema de xeorreferenciación para concretar a localización das propiedades municipais.

A rexedora sinalou a necesidade de seguir avanzando na dixitalización administrativa para ofrecer á cidadanía servizos máis eficientes. Neste caso, concretou, “a nova aplicación tecnolóxica permitirá ter perfectamente identificados todos os bens da institución, coñecendo con exactitude a súa cantidade e características e garantindo así un mellor control, uso e aproveitamento dos mesmos, e permitindo a súa consulta por toda a cidadanía”.

Agora, nunha primeira fase de seis meses de duración, a empresa adxudicataria deberá actualizar o actual inventario, que inclúe, a grosso modo, un conxunto de 5.740 inmobles - urbanos, rústicos, vías públicas urbanas e rústicas, parques e outro tipo de infraestruturas -, 240 bens históricos artísticos e 189 vehículos, etc.

Enténdense comprendidos no inventario as leiras rústicas, parques e soares urbanos, edificios históricos, centros docentes, instalacións deportivas, vivendas, locais, sotos, garaxes, pavillóns, almacéns, edificios de servizos (mercados, matadoiros, bombeiros, depósitos de auga etc.), vías públicas, instalacións físicas e outras construcións así como mobles de carácter histórico, valores mobiliarios, vehículos, semovientes, outros mobles non recollidos nos epígrafes anteriores como pode ser o caso de mobiliario, equipos de oficina ou outro tipo de activos que teñan un custo superior a 300 euros, así como bens e dereitos reversibles.

Cotesa deberá identificar, sempre que sexa posible, todos e cada un destes bens mediante referencia catastral, coa finalidade de poder coñecer ou seu posicionamento espacial - tanto de forma individual, como pola zona xeográfica que se sinale na planimetría en vigor e clasificalos atendendo a criterios físicos, analíticos e de xestión.

O obxectivo, aclarou a rexedora, é que a través do novo sistema poidamos coñecer de todos e cada un dos bens aspectos como a súa identificación - con referencia catastral, xeorreferencia e ortofoto, no caso do inmobilizado material- definición, situación xurídica, natureza, vida económica, custo de adquisición e valor e realidade patrimonial, entre outros. Para iso, a aplicación informática facilitará o achado e localización dos bens, a través de filtros de sinxela construción, incorporando un xerador de consultas ou vistas para que as persoas usuarias poidan definir con exactitude calquera búsqueda que requiran e  atopala no menor tempo posible.

A tenenta de alcaldesa e edil de Goberanza, Paula Avarellos, avanzou que despois da primeira fase de actualización dos bens, a empresa procederá a pór en marcha a aplicación e logo finalizará coa formación do persoal municipal na xestión da ferramenta.

Así mesmo, sostivo que esta nova aplicación “permitirá, á súa vez, o tratamento das amortizacións e deterioros por valor para a depreciación do inmobilizado e asegurará a conexión coa oficina virtual do catastro, posibilitando a exposición pública de toda esta información en cumprimento da Lei de Transparencia. Ao tempo que deberá facilitar, tamén, a súa integración con outras aplicacións de xestión tributaria e coa plataforma de tramitación de expedientes do Concello”.

O investimento desta actuación inclúese na Estratexia “Dusi – Muramiñae”, cofinanciada ao 80% pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

Noticias relacionadas