Urbanismo pon a disposición unha partida de 233.500 euros para axudas á rehabilitación de vivendas destinas a residencia habitual no Casco Histórico

A Xunta de Goberno aprobará esta semana o gasto e as bases da convocatoria dun procedemento que posibilitará subvencionar unha vintena de actuacións

Miguel Couto destaca que “algúns dos artigos que regulan as axudas foron modificados non só para aumentar o importe senón tamén para favorecer a participación e acadar un maior número de beneficiarios”

Martes, 03 de decembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo pon a disposición unha partida de 233.500 euros para axudas á rehabilitación de vivendas destinas a residencia habitual no Casco Histórico

A área de Urbanismo porá a disposición unha partida de 233.584’45 euros para a décimo quinta fase de axudas para a rehabilitación do ARRI do Casco Histórico de Lugo co que se poderán financiar ate unha vintena de intervencións. Este mércores a Xunta de Goberno aprobará tanto o gasto como as bases reguladoras da convocatoria.

“As vivendas obxecto deste procedemento, que segue o réxime de concorrencia competitiva, deben estar destinadas a residencia habitual e permanente do propietario ou ao aluguer”, explicou Miguel Couto.

O edil sinalou tamén que será preceptivo que o edificio obxecto da reforma conte con división horizontal e, cada unha das vivendas, coa súa devandita referencia catastral. Entre os traballos subvencionables atópase a reparación de cubertas, da carpintería exterior, das escaleiras, portal, rexerías, tratamentos de fachada, medianeiras ou chemineas así como melloras da accesibilidade, adopción de sistemas de aforro enerxético ou o propio mantemento do inmoble cando estea afectado por algunha patoloxía estrutural, etc...

“Para a concesión das axudas terán preferencia, en primeiro lugar, as construcións catalogadas sobre as non catologadas e, dentro daquelas, terán prioridade as situadas no Burgo Medieval, seguidas polas do Ensanche Decimonónico e as do Ensanche Recente. Logo, unha vez seleccionados os expedientes por ese orde, procederase a unha segunda escolla en función do tipo de actuación a realizar, ao tratarse dun ámbito que conta cun plan especial de conservación, protección e rehabilitación, outorgándoselle en primeiro lugar ás actuacións nos elementos comúns dos edificios sobre as que sexan no interior da vivenda, e as que afecten á envolvente do inmoble co fin de emendar as patoloxías do mesmo como poden ser filtracións ou humidades, as que melloren o illamento térmico, a seguridade estrutural e a accesibilidade”, abondou o concelleiro.

Miguel Couto, apuntou tamén que algúns dos artigos que regulan as axudas, que terán carácter de subvención a fondo perdido, foron modificados non só para aumentar o importe senón tamén para favorecer a participación e acadar un maior número de beneficiarios.

“Por exemplo, a contía máxima das mesmas increméntase ata alcanzar o 40% do custo subvencionable, cun tope máximo de 12.000€ por axuda, aínda que excepcionalmente esta porcentaxe máxima poderá ampliarse até o 75% se os ingresos da unidade de convivencia da persoa propietaria ou arrendataria, promotora da actuación e residente son inferiores a tres veces o IPREM. Esta mesma porcentaxe aplicarase cando se acometan intervencións para a mellora da accesibilidade e se acredite que existen na devandita unidade persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos”, sinalou Miguel Couto.

Ademais, as subvencións deste programa serán compatibles con calquera outra axuda pública sempre e cando a suma de todas non supere o custo total da actuación concreta, salvo algunha excepción recollida nas bases.

O responsable de Urbanismo referiu tamén que, trala aprobación mañá desta regulamentación, a Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Lugo, órgano xestor do procedemento e encargada da tramitación dos expedientes, ofrecerá unha charla explicativa o xoves, 12 de decembro, ás 19:00 horas, no Centro Uxío Novoneyra dirixida a todos os particulares e colectivos interesados.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, a contar dende o día seguinte á publicación oficial do extracto da convocatoria e o 30 de novembro de 2021 a data tope estipulada para ter rematadas as obras.

Audio

  • O edil Miguel Couto, sobre a concesión de axudas para a rehabilitación | Descargar mp3

Noticias relacionadas