Urbanismo planifica cos responsables da actuación os traballos para acondicionar a parcela na que se construirá o novo Ceip do Sagrado Corazón

O edil Miguel Couto visitaba onte o predio para concretar os detalles da obra, que comezará a finais deste mes, e que consistirá na creación das dotacións necesarias para desenvolver adecuadamente o servizo educativo

A intervención enmárcase conforme ao proxecto elaborado durante o anterior mandato ao abeiro do convenio asinado entre o goberno de Lara Méndez e a Xunta de Galicia

Mércores, 05 de febreiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Urbanismo planifica cos responsables da actuación os traballos para acondicionar a parcela na que se construirá o novo Ceip do Sagrado Corazón

O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, desprazábase onte ata a parcela na que se construirá o novo Ceip do Sagrado Corazón para concretar cos responsables das actuacións por parte do colexio, da empresa adxudicataria e dos servizos municipais, os detalles da obra de urbanización para acondicionar o predio.

O concelleiro adiantou que os traballos, que comezarán a última semana de febreiro “para adecuarse no tempo á apertura do centro na data prevista, garantirán que os terreos nos que se constrúa o colexio estean dotados das infraestruturas adecuadas para poder prestar o servizo educativo nas mellores condicións”.

Couto explicou que, “de acordo ao conveniado coa Xunta, acometerase a creación de beirarrúas que comuniquen a escola coas vías da contorna como son Venancio Senra, Pradairo ou Nogueira. Ademais, co fin de que as instalacións poidan dispor de iluminación e subministración de auga procederase a crear as conexións oportunas coas redes de abastecemento, saneamento e sumidoiros”.

O responsable de Urbanismo indicou igualmente que se contempla a execución da obra civil necesaria para soterrar o cableado, eliminando os postes existentes na actualidade.

“A canalización executarase a través da beirarrúa, creando as arquetas que sexa preciso, ademais de pavimentar a calzada cunha capa de zahorra e dúas de mezcla de bituminosa en quente o que redundará na súa boa conservación. Así mesmo, procederase ao pintado e repintado dos pasos de peóns, paradas de bus e liñas de limitación de carril e se instalará a sinalización vertical agora existente”, relatou Miguel Couto.

O edil lembrou que os traballos, licitados en 53.897 euros, disporán un prazo de execución de tres meses. “Comezarase pola demolición, replanteo e execución de servizos para, posteriormente, executar a maior parte da beirarrúa, concretamente ata a entrada destinada a automóbiles, aínda que esta fronte se realizará posteriormente cando xa non se prevea o acceso de vehículos pesados de obra á parcela, para evitar o deterioro do novo firme”.

Miguel Couto puxo de manifesto o compromiso constante do goberno de Lara Méndez por axilizar a tramitación dos asuntos de interese xeral que, en materia de competencias, o Concello comparte co executivo galego ao que, recordou, neste caso lle foron cedidos ao redor de 20.000 metros cadrados de superficie para proceder á construción do inmoble, xa acordada durante o mandato anterior.

Audio

  • Miguel Couto, sobre a parcela na que se construirá o novo Ceip do Sagrado Corazón | Descargar mp3

Noticias relacionadas