Uns 200 lucenses poderán participar nos cursos de conducción eficiente organizados polo Concello de Lugo

Luns, 17 de novembro de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concelleiro de Protección da Comunidade, Réxime Interior e Transportes, José Rábade, presentou hoxe os cursos de conducción eficiente cos que os lucenses poderán aprender a adoptar medidas para reducir as emisións de CO2 na conducción, así como promover un aforro do combustible. Nesta presentación estivo acompañado polo Director do INEGA, Juan José Álvarez Carril,  o Delegado en Lugo da Consellería de Innovación e Industria, Ramón Cortés, o responsable de divulgación da Fundación Sotavento, Manuel Díaz, e o xerente de Autolusa, Vicente Quintás.

Segundo explicou o Concelleiro, a conducción eficiente consiste en aplicar unha serie de técnicas para reducir o consumo de combustible e a contaminación medioambiental e ademais, conseguir aumentar a seguridade vial e o confort a bordo. “A idea é promocionar entre os lucenses a utilización do automóbil dunha forma máis eficiente e racional”. A actitude do conductor e o estilo de conducción xunto coas melloras técnicas que actualmente se están a producir nos motores son decisivos á hora de reducir o consumo global de carburante.

Nestes cursos aprenderanse unhas sencillas técnicas coas que se pode aforrar ata un 40% do consumo enerxético, o que supón un total de 200 millóns de euros en Galicia e uns 2.000 millóns en toda España.

As técnicas permitirán ademais aumentar a seguridade vialxa que se trata dunha conducción anticipativa e previsora,conseguindo ata un 35% menos de accidentes e un maior confort na conducción.

Os cursos, nos que poderán participar ata 200 persoas,  contarán cunha parte teórica, que se impartirá no edificio da Policía Local, e outra práctica que se realizará, gracias á colaboración do concesionario Autolusa, nun Audi A3 nun circuíto urbano de entre 5 e 7 quilómetros.

Esta iniciativa, unida á de compartir coche e compartir parking que se acaba de poñer en funcionamento, forma parte das medidas de contención económica promovidas polo Concello, que pretenden, ademais de  proporcionar ferramentas de aforro ás familias lucenses, reducir o impacto das emisiones de CO2 no contorno de Lugo.

Os interesados en participar nestes cursos de conducción eficiente, que terán lugar polas tardes en dúas tandas de 16:00 a 18:30 horas e de 18:30 a 21:00 horas entre o 24 de novembro e o 2 de decembro, poderán realizar a súa inscrición a través do portal municipal www.lugo.es.

Noticias relacionadas