Unhas 1.200 persoas participarán na carreira Corre con Nós-Corre con Elas, coa que o Concello fomenta a igualdade no deporte

Trátase da cuarta proba do XVII Circuíto Larsa Corre con Nós, que se celebrará este domingo, a partir das 12:00 horas, e discorrerá polo entorno da Estrada de Ombreiro

Xoves, 06 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Unhas 1.200 persoas participarán na carreira Corre con Nós-Corre con Elas, coa que o Concello fomenta a igualdade no deporte

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, e o Deputado provincial de Deportes, Pablo Rivera, presentaron este xoves no Salón de Plenos do Concello a carreira Corre con Nós-Corre con Elas, unha edición deste popular e concorrido circuíto coa que a entidade local busca fomentar a igualdade de xénero no eido deportivo e que organiza dentro das actividades que está a levar a cabo para conmemorar o Día Internacional da Muller.

Trátase da cuarta proba do XVII Circuíto Larsa Corre con Nós, que se celebrará este domingo, a partir das 12:00 horas, e discorrerá polo entorno da Estrada de Ombreiro.

Na presentación, Miguel Fernández explicou que nesta ocasión se estableceu unha clasificación por xénero compensada en función da idade e distancia das probas.

Pola súa banda, Ana González Abelleira explicou que con estas iniciativas dende o Concello buscamos “dar visibilidade á muller en todos os eidos”, destacando como aliciente que “esta carreira pretende reivindicar a igualdade no ámbito deportivo”.

Finalmente, Pablo Rivera felicitou ao Concello pola aposta que leva realizando en materia de igualdade dende fai anos e aproveitou esta ocasión para anunciar que a Deputación “vai realizar unha campaña a prol da igualdade de xénero en colaboración cos principais equipos femininos da provincia e coa entidade local”.

Na carreira Corre con Elas está prevista a participación de preto duns 1.200 atletas de todas as idades. As saídas terán lugar dende o aparcadoiro inferior do Estadio Anxo Carro. Os horarios das distintas probas son os seguintes:

  • 12:00: minibenxamín (entre 2010 e 2012) » 340 metros
  • 12:10: benxamín / alevín (entre 2006 e 2009) » 1.000 metros
  • 12:20: infantil / cadete (entre 2002 e 2005) » 2.000 metros
  • 12:40: adultos (2001 e anteriores) » 6.000 metros

Noticias relacionadas