Unha delegación ministerial de Guinea Bissau visita mañá Lugo

A Alcaldesa recibirá a cinco representantes do Goberno do país africano, que coñecerán o modelo de desenvolvemento local que leva a cabo o Concello 

Martes, 30 de maio de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Unha delegación ministerial de Guinea Bissau visitará Lugo mañá mércores co fin de coñecer o modelo de desenvolvemento local, impulso empresarial e creación de emprego que leva a cabo o Concello. A Alcaldesa, Lara Méndez, recibirá, xunto a membros da Corporación municipal, á comitiva oficial, que viaxa a Lugo a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e está composta por cinco representantes do Goberno do país africano: Sola Naquilin Nabitchita, Ministro da Administración Territorial; Micailo Biai, director de Servizos de Licenciamento e Incentivos ao Investimento; e Mahalam Mane, Angela Abdula e Iván Arizcurinaga Vásquez, director xeral, asesora técnica principal e consultor, respectivamente, do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local de Guinea-Bissau.

A visita comezará ás 17:30 horas cunha reunión de traballo e un percorrido polas instalacións do Centro de Emprendemento e Innovación (CEI – Nodus) e o Espazo Lab do Concello de Lugo para coñecer o seu sistema de funcionamento, así como as iniciativas que se desenvolven nestes centros, ademais do programa de apoio ao emprendemento Inicia Coworking, impulsado polo Concello en colaboración coa Escola de Organización Industrial. Seguidamente, ás 18:30 horas, a Alcaldesa recibirá á comitiva oficial no Salón de Plenos do consistorio, xunto ás concelleiras de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, e de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, entre outros membros da Corporación local.

Noticias relacionadas