Transición Ecolóxica intensifica o servizo de roza na zona urbana, cun incremento de equipos, medios e intervencións

O edil de Transición Ecolóxica explica que xa remataron os traballos en Castelo, Rolda do Carmen, Fontiñas, San Xillao, Piringalla, Louzaneta, Frigsa, Galegos e Agro do Rolo.

Actualmente, os equipos de Ecolugo rozan na zona da Ponte, Montirón e San Fiz, para máis tarde intervir en O Castiñeiro, Albeiros, HULA e nas Gándaras.

Miguel Fernández destaca que as brigadas itinerantes vén desenvolvendo un esforzo importante para manter un bo nivel de control das herbas na zona urbana.

Martes, 04 de xuño de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Transición Ecolóxica intensifica o servizo de roza na zona urbana, cun incremento de equipos, medios e intervencións

A concellería de Transición Ecolóxica do Concello de Lugo está a intensificar o servizo de roza na zona urbana, cun incremento de equipos, medios e intervencións. Así o explica o edil responsable desta área, Miguel Fernández, quen sostén que “durante o último mes xa remataron os traballos de roza, incluídas as rúas do centro da cidade, nas zonas de Castelo, Rolda do Carmen, Fontiñas, San Xillao, Piringalla, Frigsa, Louzaneta, Galegos, Agro do Rolo e contornos”.

Fernández destaca que “unha vez finalizadas as tarefas nos citados barrios, o servizo municipal Luce Lugo traballa na actualidade nas zonas da Ponte, Montirón e San Fiz, para despois, nas próximas semanas, “iniciar a intervención nos barrios do Castiñeiro, Albeiros, contorno do Hula e nas Gándaras”.

Dada a climatoloxía actual, que favorece o crecemento de herbas de maneira considerable, o servizo de roza municipal “vén desenvolvendo un esforzo importante para manter un bo nivel de control do crecemento das herbas na zona urbana”, sinala o edil de Transición Ecolóxica. Para iso, nas rúas da cidade actúan dous equipos doutros tantos operarios dotados de rozadoras e sopladores, apoiados coas varredoras eléctricas. Estes dous equipos están a traballar desde hai días tanto na zona norte como na zona sur de Lugo.

No caso do arrabalde e en terreos municipais das aforas da cidade, as actuacións se levan a cabo con dous tractores equipados con brazo rozador e un tractor que a maiores ten arrastre. Estas tarefas contan co apoio de dous operarios que realizan roza manual, para o que empregan rozadoras manuais e sopladores. Así mesmo, contan co apoio das varredoras eléctricas, que se empregan dependendo do volume dos traballos.

Todos estes medios “están a reforzar os traballos de roza nas parcelas municipais, cun dispositivo permanente, que conta con dúas brigadas itinerantes, cada unha delas con más persoal e maquinaria, co obxectivo de mellorar o servizo”, sinala Fernández.

Este mantemento permanente realízase de luns a sábado, para ter baixo control a vexetación; uns traballos que, segundo explica o edil de Transición Ecolóxica, “se repiten varias veces nas mesmas contornas ao longo do ano, sempre dependendo das condicións climatolóxicas, e entre as que procuramos dar cobertura tamén ás demandas que nos fai chegar a veciñanza”.

Inminente adxudicación do contrato de roza no rural

As áreas de Transición Ecolóxica e Cohesión Territorial do Executivo de Paula Alvarellos traballan de xeito coordinado, e máis se cabe, en intervencións como as de roza ou limpeza do servizo Luce Lugo. De feito, é inminente a adxudicación do contrato de roza no rural de Lugo.

Ademais, as citadas brigadas municipais están a facer tarefas de roza en varias estradas e camiños, co obxectivo de garantir a seguridade viaria, ademais de intervir na limpeza de espazos públicos, próximos ás escolas ou aos locais veciñais, a petición dos lucenses destas parroquias. Así, nas últimas semanas se levaron a cabo actuacións deste tipo en Orbazai, Teixeiro, O Veral, Mazoi ou Conturiz, por citar algunhas.

Audio

  • O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre a roza na zona urbana | Descargar mp3

Multimedia

  • Transición Ecolóxica intensifica o servizo de roza na zona urbana, cun incremento de equipos, medios e intervencións

Noticias relacionadas