Torsa Capital xestionará o fondo Lugo Transforma co que Méndez mobilizará 12 millóns para atraer empresas sostibles e innovadoras

A Xunta de Goberno aprobará o mércores á adxudicación do servizo de intermediación financeira desta estratexia municipal por un importe de 2.160.000 millóns de euros.

A alcaldesa lembra que é a maior contía que o Concello pon a disposición de pequenas e medianas empresas na súa historia para impulsar e diversificar o tecido produtivo lucense.

Co fondo, a xestoradeberá radicar na cidade iniciativas empresariais que creen emprego nun prazo de 5 anos, así como investir un millón de euros nos doce primeiros meses.

A rexedora destaca que a transformación económica lucense debe seguir as pautas das señas de identidade do modelo de cidade verde e sostible que xa representa a cidade. 

Domingo, 05 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Torsa Capital xestionará o fondo Lugo Transforma co que Méndez mobilizará 12 millóns para atraer empresas sostibles e innovadoras

A Xunta de Goberno Local adxudicará a Torsa Capital o mércores, día 8, o servizo de intermediación financeira e a xestión do fondo emprendedor municipal de 12 millóns de euros da Estratexia Lugo Transforma. Con este novo paso, a alcaldesa, Lara Méndez, avanza no seu compromiso de transformación do tecido produtivo da cidade, hoxe moi dependente do sector servizos, co fin de diversificar a súa industria e crear novas oportunidades de emprego vinculadas a sectores de alto impacto social e ambiental.

Ao proceso de licitación presentáronse dúas empresas, concluíndo a mesa de contratación que Torsa Capital presentou a oferta máis vantaxosa tras ser excluída O Noso Capital, que partiu nun primeiro momento como a mellor valorada, por non acreditar finalmente a súa solvencia económica, requisito imprescindible establecido nos pregos de cláusulas administrativas. O Noso Capital presentou un recurso ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, que foi desestimado.

O servizo de xestión e intermediación foi adxudicado por 2.160.000 euros. Torsa Capital, que presentou un importe comprometido en firme por parte de partícipes privados dun millón de euros, deberá constituír o fondo e rexistrarse na Comisión Nacional de Valores nun prazo de 6 meses, ampliable a outros dous. O contrato esíxelle acadar un investimento mínimo dun millón de euros de iniciativas empresariais que se asenten en Lugo no prazo dun ano e que sexa capaz de mobilizar os 12 millóns de euros nun prazo de 5 anos na captación de novos investimentos, atracción de empresas e creación de emprego sostible.

A Estratexia Lugo Transforma, pioneira en Galicia no ámbito municipal e que se enmarca nas liñas marcadas pola Lara Méndez para a  recuperación económica da cidade tras a pandemia, artículase a través da entrada temporal do Concello no capital de proxectos empresariais a través da modalidade de fondo de capital risco.

O fondo emprendedor está  aberto á entrada de participación tanto pública como privada, ben en todo o fondo ou ben en calidade de coinvestidores en proxectos concretos. 

A rexedora lembra que a estratexia, que mobilizará a maior coantía que o Concello pon a disposición de pequenas e medianas empresas na súa historia para impulsar e diversificar o tecido produtivo lucense,  “deberá seguir as pautas do que queremos que sexa Lugo nun futuro, a curto e medio prazo, mediante a toma de participación naqueles sectores que para nós son estratéxicos e que se vinculen ás señas de identidade e a marca sostible que estamos a asentar dentro e fóra de Galicia cun modelo de cidade que quere estar na vangarda da economía verde e circular, amigable e acolledora, pero tamén moderna, innovadora e tecnolóxica”, avanza.

Por iso, os proxectos deberán estar relacionados coas enerxías limpas, a tecnoloxía, biotecnoloxía, farmacia, servizos avanzados á industria, biocombustibles, produción agroalimentaria sostible, loxística intelixente e sector espacial e aeronáutico, entre outros. Estas empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

Todos os proxectos deberán ser considerados innovadores, é dicir, que poidan demostrar que promoverán produtos, servizos ou procesos novos ou mellorados de xeito substancial, e que os seus custos de investigación e desenvolvemento representen un mínimo do 10% do total dos seus gastos de explotación.

A empresa adxudicataria reportará un informe trimestral de todas as operacións, e estará obrigada a crear dous comités co fin de garantir o bo funcionamento do fondo e dos obxectivos perseguidos.

Noticias relacionadas