Os pregos do contrato, prorrogable por períodos anuais durante un máximo de tres anos, serán aprobados esta semana en Xunta de Goberno
Na reunión de mañá autorizarase, asemade, a concesión de catro licenzas urbanísticas, unha delas á Consellería de Cultura para a restauración do cubo XXXI da Muralla

A área de Servizos Sociais destinará un total de 608.141’1€ (IVE incluído) á vixilancia dos Centros de Convivencia da cidade.
O prego de prescricións técnicas do contrato será autorizado esta semana pola Xunta de Goberno, así como o gasto previsto para as tres anualidades durante as que, como máximo, pode prorrogarse a licitación.
A adxudicación dividirase en sete lotes, un por cada unha destas dependencias (Fingoi, Sagrado Corazón, Milagrosa, Uxío Novoneyra, Maruja Mallo, Lamas de Prado e María Balteira), por un importe individual anual de 28.959’10 (IVE incluído).
A edil Olga López Racamonde, sinalou algún dos requisitos que contemplan as cláusulas. “A prestación levarase a cabo con presenza física permanente dun vixiante sen armas por cada centro de convivencia, todos os días do ano, de luns a venres, onde colaborará na supervisión e control de acceso e saída dos usuarios, na súa protección así como na dos bens que conteñen ademais de axudar ao persoal municipal no desenvolvemento de tarefas como a achega de información, a orientación e auxilio das persoas que os frecuentan, a apertura e peche das instalacións ou a comprobación da existencia de avarías, etc…”
Por outra banda, a concellería de Urbanismo trasladará tamén á xuntanza de mañá a aprobación de catro licenzas. Unha para a instalación dun ascensor nun edificio da rúa Magnolia, por importe de 57.609’22 euros, cun prazo de execución de 18 meses. Outra para a legalización de varias obras de reforma no vestíbulo e trasteiros dun inmoble de Nazario Abel, por valor de 2.000€. Unha terceira para a reorganización de varias parcelas no polígono de Santa María Alta e, por último, a outorgada á Consellería de Cultura e Turismo para que proceda á restauración do cubo XXXI da Muralla.
Pola contra, denegarase o permiso para unha demolición parcial de tres edificios e a súa substitución por outros dedicados a vivenda e locais comerciais no Carril dos Fornos logo de que o seu promotor non presentase o proxecto arqueolóxico esixido, ao tratarse de inmobles asentados en zona Pepri para a que se require a realización de escavacións arqueolóxicas cando se prevén afeccións ao subsolo ou movementos de terras, como era o caso.