Rubén Arroxo reúnese co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo

Na xuntanza abordáronse cuestións relativas á mobilidade urbana e ao acceso ás farmacias de toda a cidade

Arroxo: “Esta colaboración é fundamental para compatibilizar a mellora da mobilidade urbana co acceso a servizos de primeira necesidade”

Xoves, 12 de xuño de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo reúnese co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo

O Tenente Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo unha xuntanza de traballo co presidente do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo, Alejandro Mª Sánchez Pérez-Mel, e co vicepresidente, Manuel A. Barreira Fernández, na que se trataron diversos asuntos relacionados coa mobilidade urbana e o acceso ás farmacias situadas en diferentes puntos da cidade.

Durante o encontro, analizáronse propostas dirixidas a mellorar tanto o acceso peonil como o rodado ás farmacias localizadas no centro histórico, procurando compatibilizar estas medidas co modelo de mobilidade sostible que promove o Goberno local. Tamén se avaliaron alternativas para facilitar o estacionamento nas inmediacións das farmacias situadas nas zonas exteriores da muralla, co obxectivo de ofrecer maior comodidade á veciñanza e ao persoal farmacéutico.

“Queremos garantir que toda a cidadanía poida acceder aos servizos farmacéuticos con comodidade, independentemente da súa localización, ao tempo que seguimos avanzando cara a unha cidade máis amable e sostible”, sinalou Rubén Arroxo.

O Tenente Alcalde subliñou a importancia deste tipo de encontros: “A colaboración co Colexio de Farmacéuticos é fundamental para atopar solucións que compatibilicen a mellora da mobilidade urbana co acceso garantido a servizos sanitarios de primeira necesidade”.

Multimedia

  • Rubén Arroxo reúnese co Colexio Oficial de Farmacéuticos de Lugo

Noticias relacionadas