Rubén Arroxo entrega no HULA unha serie de bonos do bus urbano destinados aos servizos sociais do hospital

Arroxo: "facilitamos a mobilidade das persoas con menos recursos que teñen que acudir ao HULA".

O Tenente Alcalde animou a toda a veciñanza a utilizar o bus para desprazarse ao HULA, "que agora ten conexión con todos os barrios da zona urbana".

Domingo, 12 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo entrega no HULA unha serie de bonos do bus urbano destinados aos servizos sociais do hospital

O Tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, desprazáronse ata o HULA onde entregaron aos servizos sociais do hospital unha serie de abonos do bus para as persoas con baixos recursos. Rubén Arroxo afirmou que "facilitamos que todas as persoas poidan acudir ao hospital independentemente das súas capacidades económicas", e engadiu "desde a Tenencia de Alcaldía de Lugo seguimos a traballar da man da área de Servizos Sociais do HULA para facilitar o desenvolvemento das súas actividades".

Arroxo animou a toda a veciñanza a desprazarse en bus urbano ata o HULA. Co novo modelo, o HULA ten conexión directa con Fontiñas, a zona sur da cidade ou a avenida das Américas, zonas que antes non contaban con bus directo. Na actualidade, pódese ir ata o hospital desde Fingoi, Magoi, Sagrado Corazón, as Gándaras, Avenida das Américas, Fontiñas, Fonte dos Ranchos, a Abella e Garabolos, mellorando tamén as frecuencias coa zona centro.

O transporte público de Lugo continúa a batir récords de usuarios e usuarias. No mes de abril houbo un total de 201315 viaxeiros, "marcando o mellor abril desde que hai rexistros". Nos billetes expedidos en abril rexistrouse tan só un 3,34% de transbordos, unha porcentaxe similar a antes da reforma das liñas, "o que demostra que a reformulación das liñas de transporte urbano está a facer que máis persoas aposten por deixar o coche na casa e desprazarse por Lugo utilizando o bus", afirmou Rubén Arroxo.

"Lugo ten o transporte máis barato das cidades galegas e o terceiro máis barato das capitais de provincia do estado", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa Tarxeta Cidadá, o prezo do bus urbano redúcese ata nun 50%". O Tenente Alcalde anunciou que "máis de 30.000 persoas teñen xa a súa tarxeta cidadá e desfrutan de todas as vantaxes que supón este sistema".

Pagando con tarxeta cidadá, o prezo do billete ordinario pasa de 0.64€ a 0.45€, no caso de non ter dereito a bonificacións, ou a só 0.31€ no caso de persoas pensionistas, desempregadas, estudantes ou persoas con mobilidade reducida, con transbordos gratuítos en todas as situacións. Para obter a tarxeta cidadá, deberá cubrirse o formulario que se pode atopar na web do Concello, ou recollelo nas oficinas municipais do seminario, e pagar a taxa de 3,09€ nunha oficina de Abanca. Despois, deberá pedirse cita no 010 para retirar a tarxeta nas oficinas do Concello. A recarga do moedeiro será, como mínimo de 5€, cun máximo de 60€.

Multimedia

  • Rubén Arroxo entrega no HULA unha serie de bonos do bus urbano destinados aos servizos sociais do hospital

Noticias relacionadas