Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o obradoiro de escultura onde se está a realizar o busto co que o concello de Lugo lembrará a Moncho Reboiras

Arroxo: "Lugo súmase a unha iniciativa que tamén se realizará noutras cidades como Compostela ou Ferrol".

A homenaxe enmárcase nas actividades que se organizan no 2025 polo 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras.

Martes, 25 de novembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o obradoiro de escultura onde se está a realizar o busto co que o concello de Lugo lembrará a Moncho Reboiras

O tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado polo edil de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, visitaron o obradoiro de escultura no que se está a elaborar o busto co que Lugo traballará por visibilizar á figura de Moncho Reboiras no ano no que se lembra o 50 aniversario do asasinato de Moncho Reboiras, a última persoa asasinada polo franquismo na Galiza, e que se colocará nas inmediacións do Vello Cárcere. Rubén Arroxo anunciou que o Concello de Lugo se unirá aos actos de homenaxe que se realizarán por todo o país, colocando un busto coa figura de Reboiras na cidade.

"Desde Lugo apoiamos esta iniciativa uníndonos a outras cidades, como Compostela ou Ferrol, que tamén colocarán un busto coa imaxe de Moncho Reboiras", afirmou Rubén Arroxo, que engadiu "outras vilas de Galiza tamén formarán parte desta homenaxe á figura dunha persoa que foi asasinada simplemente polos seus ideais".

Con esta acción, a Tenencia de Alcaldía lembrará a figura de Moncho Reboiras como unha persoa simbólica na loita pola liberdade e os dereitos fundamentais, promovendo a memoria histórica mediante unha intervención artística "seguindo a liña que xa vimos executando desde hai anos, lembrando a todas as persoas represaliadas polo Franquismo o Día da Galiza Mártir ou coa colocación dunha imaxe en lembranza ás persoas represaliadas nun lugar destacado do Cemiterio Municipal".

O tenente de Alcalde destacou o legado de Moncho Reboiras "unha figura clave na organización da clase traballadora galega, que axudou a crear o Sindicato Obreiro Galego, organización antecesora da CIG", e lembrou que "non foi ata o ano 2009 cando o Estado español o recoñeceu oficialmente como unha vítima do franquismo, a última persoa asasinada polo réxime na Galiza".

Reboiras foi asasinado na madrugada do 12 de agosto de 1975, despois de que na noite do 11 de agosto, a Brigada Político Social (BPS) establecera un control no barrio ferrolán de Canido. Ás 2 da mañá varios efectivos da Brigada xunto a varios axentes da Policía Armada acordoaron o edificio onde se atopaba Reboiras, que logra zafarse da policía durante máis de dúas horas, logrando finalmente esta darlle alcance no portal da rúa da Terra.

Multimedia

  • Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o obradoiro de escultura onde se está a realizar o busto co que o concello de Lugo lembrará a Moncho Reboiras
  • Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o obradoiro de escultura onde se está a realizar o busto co que o concello de Lugo lembrará a Moncho Reboiras
  • Rubén Arroxo e Alexandre Penas visitan o obradoiro de escultura onde se está a realizar o busto co que o concello de Lugo lembrará a Moncho Reboiras

Noticias relacionadas