A rotonda de Alfonso X xa conta cun proxecto técnico que non pode serguir avanzando por falta de orzamentos estatais

O edil de Urbanismo, Miguel Couto, sostén que o documento, que corrixe as dimensións iniciais da infraestrutura, xa foi validado polas dúas administracións

Martes, 15 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A rotonda de Alfonso X xa conta cun proxecto técnico que non pode serguir avanzando por falta de orzamentos estatais

“Menos populismo e máis rigor”. É a petición que Miguel Couto lle traslada aos concelleiros do Partido Popular logo do acto electoral que desenvolveron onte, achacando ao desinterese do goberno local a falta de avances na construción da rotonda de Alfonso X.

“Unha vez máis queda patente a vontade do PP por desvirtuar permanentemente a realidade. Dende este Concello non se está a poñer ningún impedimento para a creación desta nova dotación na cidade. Todo o contrario. O que xa existe é un proxecto técnico, validado polo persoal municipal e polo equipo do Ministerio que agarda, para materializarse, a unha consignación orzamentaria”.

“Unha partida xa comprometida, por certo, con Fomento para esta actuación pero que non chega a Lugo por falta de presupostos ante a negativa do Partido Popular de facilitar a investidura dun Presidente de Goberno”, indicou o edil de Urbanismo.

Miguel Couto explica que o deseño inicial da infraestrutura invadía terreos recoñecidos polo PXOM como zona verde. “Unha cualificación de complexa reversión, que alongaría aínda máis o procedemento, polo que a opción escollida dende ámbalas dúas administracións foi a de corrixir as proporcións da rotonda para adecuala ás dimensións da superficie dispoñible”.

O concelleiro adiantou que a súa ubicación se manterá na intersección entre Alfonso X e a Nacional VI para facilitar a incorporación dos vehículos que circulen por esta vía cara Aceña de Olga “o que permitirá gañar en axilidade do tráfico rodado e dará un gran servizo aos usuarios da zona universitaria e dos equipamentos deportivos que se atopan nesta parte da capital”, concluíu Miguel Couto.

Noticias relacionadas