Reforzaranse os controis policiais nos concertos de San Froilán para evitar as aglomeracións nas proximidades

Lara Méndez pide un exercicio de responsabilidade da cidadanía para que se respecten os protocolos sanitarios, “tendo tamén especial coidado nas reunións familiares”

Na Xunta Local de Seguridade, a subdelegada do Goberno avanzou que os delitos en Lugo caeron un 15,6% respecto a 2019, pero subiron os vinculados coa liberdade sexual

Desde o 12 de xuño, e ata o 23 de agosto, a Policía Local levantou 212 actas por non facer uso da máscara sen manter a distancia de seguridade interpersoal

Xoves, 01 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Reforzaranse os controis policiais nos concertos de San Froilán para evitar as aglomeracións nas proximidades

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, copresidiron este venres no Salón de  Plenos do Concello a Xunta Local de Seguridade do San Froilán, na que se abordou a seguridade do San Froilán e na que se deron datos sobre a seguridade en Lugo.

A rexedora destacou a necesaria colaboración e coordinación entre as distintas forzas de seguridade, Policía Local, Policía Nacional, Bombeiros e Protección Civil nos dispositivos de control do San Froilán. Así, reforzaranse os dispositivos para evitar aglomeracións nos actos programados e nos concertos para evitar aglomeracións e que se poidan cumpran os protocolos emitidos polas autoridades sanitarias. Lara Méndez pediu un exercicio de responsabilidade da cidadanía para que se respecten os protocolos sanitarios, “tendo tamén especial coidado nas reunións familiares, xa que desde o Sergas advirten do perigo que supón que se baixa a garda”.

Na Xunta de Goberno local lembráronse, ademais, os protocolos establecidos nos espazos dos concertos, que estarán valados e onde as persoas asistentes deberán manterse sentadas no asento asignado para garantir a separación de 1,5 metros entre persoas.

Os seis escenarios, están situados no Paseo Fluvial do Miño, e nas prazas do Castiñeiro, Augas Férreas, Agro do Rolo, Camiño Primitivo e Horta do Seminario. Aconséllase ademais, que os asistentes aos concertos que logo queiran tomar algo o fagan nas contornas próximas dos escenarios, para evitar desprazamentos.

Diminúen un 15,64% os delitos no concello de Lugo no que vai de ano

Por outra banda, a subdelegada do Goberno informou de que as estatísticas da Policía Nacional reflicten un descenso do 15,64% na cifra de delitos cometidos no que vai de ano no municipio de Lugo. Desde o mes de xaneiro ata o día 22 de setembro rexistráronse un total de 1.769 infraccións penais neste concello mentres que no mesmo período de 2019 foran 2.097.

Isabel Rodríguez explicou que este é un ano atípico, no que a delincuencia tamén se viu condicionada polas limitacións de movementos establecidas para loitar contra a pandemia do coronavirus. Así, destacou que no que vai de ano diminuiron os delitos contra as persoas e o patrimonio, pero aumentaron os delitos contra a liberdade sexual.

A subdelegada tamén puxo o énfase no traballo desenvolvido pola Policía Nacional con motivo do Estado de Alarma e no esforzo realizado por este corpo policial para garantir o cumprimento da normativa sanitaria e de seguridade cidadá neste período.

Segundo os datos oficiais da Policía Nacional, neste período de tempo rexistráronse en Lugo 172 delitos contra as persoas, fronte aos 206 do ano pasado, e 437 delitos contra o patrimonio, mentres que o ano pasado foran 588. Aumentaron, en cambio, os delitos contra a liberdade sexual, que pasaron de 15, en 2019, a 21 neste ano.

As estatísticas tamén reflicten un incremento do 2,31% na eficacia policial, que se situou no 44,66%, e nas detencións practicadas pola Policía Nacional, que pasaron de 423 a 467.

É de destacar que este ano foron esclarecidos o 100% dos delitos contra a liberdade sexual, nun esforzo das forzas de seguridade contra este tipo de delitos.

O ascenso máis importante no número de detencións deuse nos casos de delitos contra a liberdade sexual (19 detidos neste ano fronte aos 5 do ano anterior) e nos roubos con forza (49 detidos este ano fronte aos 13 do ano anterior).

Intervencións da Policia Local dende que se decretou o estado de alarma

Pola súa banda, a Policía Local presentou os datos de actuacións durante o estado de alarma, do 15 de marzo ao 12 de xuño, no que se interceptaron un total de 7.104 vehículos e se identificou a 3.987 persoas, cun resultado final de 10 detidos e 662 propostas de sanción por infracción á Lei Orgánica de Protección á Seguridade Cidadá.

Dende que a Xunta activou a situación de Emerxencia Sanitaria e tomou o mando, o 12 de xuño, e ata o 23 de agosto, levántaronse 212 actas por non facer uso da máscara sen manter a distancia de seguridade interpersoal, 3 actas por superar o aforo establecido en locais hostaleiros e 5 por permitir fumar no seu interior, o que atenta contra a Lei do Tabaquismo. No dispositivo especial que a Policia Local llevou a cabo co fin de controlar o cumprimento da normativa en materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, especialmente naquelas zonas onde os locais de lecer nocturnos xeran máis molestias aos veciños, levantaronse 8 actas, e neste período tamén se levantaron 21 actas de sanción por celebrar botellón.

Ademais, levantáronse 5 actas por fumar sen manter a distancia de seguridade interpersoal, 10 actas de sanción a locais que exercecían a súa actividade fora do horario máximo permitido, 5 desaloxos de locais de hostalería, tras comprobar que no seu interior, o aforo superaba o limite permitido e que a maioría das persoas non gardaba a distancia de seguridade nin levaba posta a máscara, e 1 sanción  a lun local por exercer actividade que nons se axusta ao que recolle a licenza e outra parte importante das funcións que os axentes exerceron durante o confinamento foi a de atender as queixas por altercados e ruídos de equipos de reproducción de música sin autorización que ascenderon a 4, duas sancións a persoas por circular pola vía pública dando positivo nas probas de coronavirus.

“Queremos enviar unha mensaxe tranquilizadora para a veciñanza pero contundente para aqueles que contraveñen á normativa, de que o Concello de Lugo e a Policía Local e o resto de forzas de seguridade están a actuar dende que se decretou o estado de alarma para a contención da propagación do virus”, destacou Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a Xunta Local de Seguridade | Descargar mp3

Noticias relacionadas