A Rede de Biomasa de Frigsa consegue reducir á metade o gasto en combustible nos edificios aos que dá servizo

O sistema, pioneiro en Galicia e que se enmarca dentro da aposta decidida da alcaldesa, Lara Méndez, pola sustentabilidade e eficiencia enerxética, xa foi posto en valor durante o pasado Cume do Clima

Álvaro Santos anunciaba hoxe que Medio Ambiente resolverá cun contrato integral a subministración e o mantemento da Rede de Biomasa durante os próximos cinco anos

Venres, 24 de xaneiro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Rede de Biomasa de Frigsa consegue reducir á metade o gasto en combustible nos edificios aos que dá servizo

O concelleiro de Medio Ambiente facía esta mañá un balance dos resultados, en materia de eficiencia enerxética, acadados coa entrada en funcionamento da Rede de Biomasa de Frigsa.

Álvaro Santos lembrou que Lugo foi pioneira en Galicia poñendo en marcha este sistema que abastece de enerxía térmica a diferentes edificios con pautas moi diferentes de consumo e de potencia ao que enmarcou dentro da aposta decidida que a alcaldesa, Lara Méndez, está a realizar xa dende o anterior mandato para poñer ao municipio ao fronte da vangarda das políticas de sustentabilidade e eficiencia enerxética que esixe a loita responsable contra o Cambio Climático.

“De feito – recordou – a Rede de Biomasa de Lugo xa foi posta en valor durante a COP25 como exemplo de sostibilidade e valores medioambientais impulsados dende as administracións locais de España”.

“Trátase, como dicimos, dun sistema innovador, de alto nivel técnico que, se comproba, resultou excelente en termos de sostibilidade. Así, a suma do consumo en combustible e do mantemento preventivo e correctivo de todos os edificios do complexo ascendía o ano anterior á súa posta en marcha a 144.496€, impostos non incluídos. E a substitución dos antigos xeradores de calor pola instalación de biomasa traduciuse en 2019 nun aforro aproximado para as arcas municipais de 70.000 euros, case a metade do que se gastaba, evitando ademais a contaminación de 493 toneladas de CO2 á atmosfera”.

Alén disto, o concelleiro abondou noutras das vantaxes da medida como o feito de que “permitiu eliminar riscos por combustibles fósiles inflamables nos inmobles municipais, así como ruídos polo funcionamento dos equipos e cheiros procedentes do almacenamento de gasóleo”, destacou o segundo tenente de alcaldesa.

Precisamente, Santos Ramos asinaba esta mañá a proposta de contratación para resolver, de forma integral, a subministración de pellets e o mantemento da rede de biomasa instalada en Frigsa dende 2018.

“O prego, que agora deberá ser avaliado polos servizos de Contratación, Tesourería, e Intervención antes de darlle traslado á Xunta de Goberno para a súa aprobación, contempla a posibilidade de que a empresa adxudicataria asuma tanto a aportación do combustible como a conservación do sistema de maneira conxunta para que ámbalas dúas cuestións estean permanentemente cubertas e, ante calquera incidencia de abastecemento ou avaría, o funcionamento da rede quede garantido”, indicou o edil.

Álvaro Santos explicou que o Concello pagará o servizo prestado por unidade de calor aportada e non pola cantidade de acha empregada. “Especificación así determinada para asegurar que a materia prima sexa de primeira calidade, de gran poder calorífico e de alto rendemento e que, por outra banda, posibilitará tamén que a administración local quede allea ás oscilacións de prezo que rexistre o mercado. Así mesmo, simplificará a tramitación que esixiría abordar os dous aspectos con procedementos diferenciados”.

O responsable de Medio Ambiente subliñou igualmente que as bases primarán aos provedores de proximidade, nunha aposta decidida pola sustentabilidade, e que a licitación será por un período de cinco anos, cun orzamento base de saída de 183.655’41€ (IVE incluído).

Audio

  • O concelleiro de Medio Ambiente, sobre a rede de Biomasa | Descargar mp3

Multimedia

  • A Rede de Biomasa de Frigsa consegue reducir á metade o gasto en combustible nos edificios aos que dá servizo

Noticias relacionadas