Reábrese o prazo para presentar ofertas á xestión do servizo de buses urbanos de Lugo logo de que o Tribunal Administrativo Central rexeitara suspender o procedemento

Mércores, 16 de xullo de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Voceiro do Goberno local e Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, anunciou a decisión do Goberno local de abrir de novo o prazo de presentación de ofertas para a xestión do servizo de autobuses urbanos de Lugo.
A Xunta de Goberno Local aprobou este mércores, fóra da orde do día, a reanudación do prazo de presentación de ofertas logo de que o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, con sede en Madrid, lle dera a razón ó Concello no fallo dos recursos presentados por tres empresas do grupo Monbús contra os plegos de prescricións técnicas e de cláusulas administrativas para a contratación da xestión do servizo público de transporte regular de viaxeiros. 
Na súa resolución, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desbotou os recursos e levantou a suspensión do procedemento de contratación. Esta resolución é definitiva na vía administrativa e só pode ser recorrida na Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para o que hai un prazo de dous meses. 
O Goberno local acordou hoxe volver abrir o prazo para a presentación das ofertas, xa que os servizos xurídicos municipais, logo de estudar a fondo a cuestión, consideraron que non é preciso agardar. 
Dacordo co criterio dos técnicos municipais, e tendo en conta que o Equipo de Goberno está decidido a adxudicar o antes posible o servizo de transporte público colectivo no concello aprobou esta mañá retomar o prazo de presentación de ofertas e amplialo a 40 días. 
A ampliación do prazo produciuse para garantir unha maior transparencia no proceso e que teñan máis oportunidades todas as empresas que queiran presentar as súas ofertas, xa que os 14 días que restaban cadran con período estival. 
Selección de socorristas
O Goberno local tamén aprobou hoxe a designación dos membros do Tribunal Cualificador do procedemento selectivo para a selección de cinco socorristas para a vixilancia e salvamento acuático no río Miño. O Concello solicitara, como en anos anteriores, sesis socorristas pero a Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia comunicou, mediante un fax, que só autoriza a contratación anticipada de cinco traballadores, coa categoría de socorristas e para un período de dous meses.  
O Voceiro do Goberno local salientou que, posiblemente, o Voceiro do PP era coñecedor de que a Xunta só autorizaría cinco socorristas para Lugo cando provocou unha falsa polémica por este asundo, sabendo que a falta de planificación da Xunta e a súa tardanza en facer esta convocatoria levou a que o prazo de solicitude das subvencións non se pechara ata o día 30 de xuño.
Apoio á USC
O Goberno local decidiu, ademais, designar como Patroa no Padroado da Fundación “Galicia Obra Social” de María Isabel González Rey, Decana da Facultade de Humanidades. 
O Voceiro do Goberno local explicou que este nomeamento “é un novo xesto de apoio do Concello de Lugo á Universidade” e explicou que a designación da Decana de Humanidades para este Padroado faise tendo en conta a súa ampla traxectoria académica e profesional, a súa participación en proxectos de investigación, publicacións de libros e artigos en revistas, participación en congresos, coñecementos de idiomas e outros aspectos, acreditativa dun amplo coñecemento e experiencia en materia social, cultural e educativ que a fai idónea para ocupar o posto de patroa na Fundación “Galicia Obra Social”.
O acordo tomouse logo de recibir no Concello o pasado día 2 de xullo un oficio da Consellería de Facenda no que se comunica que, con motivo da inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego dos novos estatutos da Fundación Galicia Obra Social (herdeira da obra social das antigas caixas de aforros galegas), procede o nomeamento por parte do Concello de Lugo dun membro no novo padroado da dita entidade. O mandato inicial será de 5 anos, renovable, se é o caso, por outros 5. 
Outros acordos
A Xunta de Goberno tamén aprobou a prórroga do contrato administrativo correspondente ó servizo de mantemento do equipamento informático dos postos de traballo do Concello polo prazo dun ano e a revisión do prezo coa aplicación do IPC, 0,2%, o que supón para esta anualidade un importe total de 47.421 euros, IVE incluído.
Ademais, acordouse desestimar a suspensión da contratación das accións formativas solicitada pola Asociación Provincial de Reparación e Venta de Automóbiles e Recambios (APREVAR) e continuar coa tramitación da contratación da docencia especializada mediante lotes do proxecto Lugo Emprego Activo 2, cofinanciado nun 80% pola UE a través do Fondo Social Europeo.

Multimedia

Noticias relacionadas