O Concello de Lugo da luz verde ao proxecto da Protectora de Animais tras cumprir coa legalidade urbanística

O proxecto obtén informe favorable dos servizos municipais logo de adaptarse ás esixencias técnicas e á normativa vixente, o que permitirá legalizar, reformar e ampliar as instalacións.

A actuación conta cun orzamento superior aos 517.000 euros, prevé un prazo de execución de 36 meses e contempla novas dependencias como clínica veterinaria, residencia de gatos e parque de caniles sectorizado.

O alcalde, Miguel Fernández, subliñou que “sempre estivemos ao lado da Protectora, traballando para que poida contar cunhas instalacións dignas e adaptadas á legalidade, porque o benestar animal é unha prioridade para este Goberno.”

Xoves, 02 de outubro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo da luz verde ao proxecto da Protectora de Animais tras cumprir coa legalidade urbanística

O Concello de Lugo vén de dar un paso decisivo para garantir o futuro da Sociedade Protectora de Animais e Plantas coa emisión do informe favorable ao proxecto básico de reforma e ampliación das súas instalacións. O documento acredita que o plan presentado pola entidade cumpre coa normativa urbanística e sectorial tras incorporar todas as correccións requiridas polos técnicos municipais.

O alcalde, Miguel Fernández, destacou que “hoxe podemos anunciar unha boa noticia: a Protectora terá por fin unhas instalacións modernas e legais. Sempre tiveron o apoio do Concello, que acompañou o proceso para axudarlles a cumprir coa lei, e grazas ao rigor e á colaboración dos nosos técnicos, o proxecto é agora plenamente viable e poderá converterse en realidade, malia que é unha mágoa que o proxecto non fora modificado despois das primeiras reunións técnicas”.

O proxecto, redactado polos arquitectos Manuel Cortón Muinelo e Diego Vila Fernández, contempla a legalización, reforma e ampliación integral do albergue situado en Muxa, cun orzamento de máis de 517.000 euros e un prazo de execución estimado de 36 meses. Entre as actuacións previstas inclúense un novo edificio de recepción e clínica veterinaria, unha residencia e zona de cuarentena para gatos, un parque de caniles sectorizado con espazos de illamento, a mellora de áreas de servizo e almacenaxe, aparcamentos, zonas de paseo e a instalación de paneis solares.

As obras están planificadas en 18 fases que permitirán manter a actividade durante todo o proceso, garantindo a demolición progresiva das construcións que non se podían legalizar e a súa substitución por novos equipamentos adaptados á normativa. O informe técnico lembra que a posta en funcionamento das novas dependencias só poderá producirse unha vez completadas as fases iniciais de demolición e adaptación.

Fernández puxo tamén en valor “a enorme labor que realiza a Protectora, unha entidade que leva décadas atendendo animais abandonados e que merece contar cunhas instalacións á altura do seu esforzo. Este proxecto é unha mostra do compromiso do Concello co benestar animal, un compromiso que xa se traduciu en máis dun millón de euros de apoio económico nos últimos cinco anos e que seguirá sendo unha prioridade”.

Ademais do aval municipal, a actuación conta con resolucións favorables da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e da Consellería de Medio Ambiente, que xa formulou a declaración de incidencia ambiental. Neste contexto, o rexedor lembrou que o Concello “logrou implicar tamén á Deputación e á Xunta para que este proxecto conte coa cofinanciación necesaria e se poida executar canto antes, dando unha resposta definitiva á situación das instalacións de Muxa”.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o proxecto da Protectora de Animais | Descargar mp3

Noticias relacionadas