Publicadas na web do Concello as bases do obradoiro EmpregaTIC para a selección dos alumnos, os monitores e o administrador

Os interesados en optar como alumnos teñen que dirixirse ás oficinas de emprego. Os candidatos serán convocados á selección os días  30 e 31 de agosto do 2016 no CEI-NODUS

Luns, 01 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo ten publicadas en www.lugo.gal as bases do obradoiro de emprego EmpregaTIC para a selección tanto dos 15 alumnos traballadores, así como dos dous monitores e do administrador. Así mesmo, tamén se poden consultar os baremos de selección dos alumnos. Todas as persoas que queiran optar como alumnos a este obradoiro deben dirixirse ás oficinas de emprego. Para elo, deberán estar inscritos no Plan de Garantía Xuvenil. Os candidatos propostos pola Oficina de Emprego serán convocados á selección os días  30 e 31 de agosto do 2016 no CEI-NODUS.

Trátase dun obradoiro que conta cun orzamento de 130.800 euros, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, co que se facilitará a formación especializada no eido das TIC a 15 desempregados do Concello. Toda a información tamén se pode consultar no Taboleiro de Anuncios e no Servizo de Atención Cidadá 010.

O obradoiro, que previsiblemente arrincará o 26 de setembro, busca pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses. Conta con dous módulos, Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos. Todos os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

Noticias relacionadas