‘Posta de longo’ da segunda xeración de empresas impulsada polo goberno de Lara Méndez en plena pandemia

Un total de 27 emprendedores presentaron hoxe a inversores 21 proxectos incluídos na VI edición do Coworking desenvolvida polo Centro de Emprendimiento Municipal CEI Nodus.

As mulleres están ao fronte do 60% destas ideas empresariais, das que sete están xa facturando e catro están ubicadas no viveiro das instalacións municipais.

A alcaldesa de Lugo pon en valor a valentía das dos últimas edicións, nadas en plena crise económica derivada da COVID-19, nas que participaron 47 novas iniciativas.

Os novos negocios, innovadores, están relacionados co sector secundario e terciario, e moitos deles vinculan a súa carta de presentación coa sostibilidade.

Das edicións anteriores promovidas polo Concello e a Escola de Organización Industrial, máis de 70 empresas seguen activas, chegando a crear máis de 350 empregos directos.

Martes, 20 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
‘Posta de longo’ da segunda xeración de empresas impulsada polo goberno de Lara Méndez en plena pandemia

Os xardíns do Centro de Emprendimiento Municipal CEI-Nodus acolleron hoxe a presentación final dos 21 proxectos empresariais promovidos pola VI edición do Inicia Coworking, programa gratuíto que desenvolve o Concello de Lugo en colaboración coa EOI (Escola de Organización Industrial) para aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fase temperá de desenvolvemento.

A alcaldesa lucense, Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González, destacou a valentía e a fortaleza dos 27 emprendedores que están ao fronte destas iniciativas de negocio, “xa que sodes a segunda xeración de empresas que axudamos a nacer en plena pandemia, polo que representades un exemplo de resistencia e vontade, calidades especialmente importantes nesta etapa de recuperación económica”. A primeira xeración xurdiu o ano pasado, durante a V edición do coworking, da que xerminaron 26 proxectos.

A rexedora, que abriu a ‘demoday’ ou sesión de presentación dos proxectos en sociedade, acto de gran transcendencia porque lles servirá aos emprendedores para acadar financiamento se o necesitan, puxo en valor que as mulleres lideren o 60% destas iniciativas, “algo que debemos dicir con orgullo que é unha constante en todas as edicións do coworking”. Ademais, dos 21 negocios, 7 están xa facturando e 4 teñen a súa sede no viveiro do CEI Nodus.

Pola súa banda, Nieves Olivera- Directora Xeral de EOI desexou moita sorte aos 27 emprendedores desta última edición, novas empresas no campo do turismo, a enxeñaría, a hostalaría, a arte, a sustentabilidade e a innovación, entre outros ao tempo que agradeceu ao Concello as facilidades nestas 6 edicións.

“A creación de emprego é unha prioridade para o noso Goberno local e para iso é crave reter en Lugo o talento con iniciativas que axuden a dinamizar o tecido empresarial, por iso apoiamos a cultura do emprendemento e por iso tamén temos en marcha a Estratexia Lugo Transforma, coa que queremos entrar a través dun fondo inversión de 12 millóns de euros no capital de novas empresas innovadoras, de alto impacto social e medioambiental, que se creen ou instalen no municipio”, sostivo Lara Méndez.

A alcaldesa felicitou tamén ao equipo de formadores do coworking, que enfocaron ás e aos emprendedores durante cinco meses no desenvolvemento e a validación do seu modelo de negocio, no plan comercial, técnicas de venda, oratoria e plans de mercadotecnia dixital, entre outros aspectos. Ademais, contaron con titorías personalizadas.

Das cinco edicións anteriores do Inicia Coworking xurdiron 115 proxectos empresariais, dos que 70 están facturando e que crearon 350 postos de traballo directos, máis os indirectos. O índice de supervivencia dos negocios nados co CEI Nodus é do 75%.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a VI edición do Inicia Coworking | Descargar mp3

Multimedia

  • ‘Posta de longo’ da segunda xeración de empresas impulsada polo goberno de Lara Méndez en plena pandemia
  • ‘Posta de longo’ da segunda xeración de empresas impulsada polo goberno de Lara Méndez en plena pandemia

Noticias relacionadas