Política Territorial inicia a construción da Rolda leste de Lugo, na que investirá máis de 28 millóns de euros

Luns, 24 de marzo de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A conselleira María José Caride presidiu hoxe o acto simbólico de colocación da primeira pedra desta nova infraestrutura

A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes investirá un total de 28,2 millóns de euros na construción da Rolda Leste de Lugo, unha infraestrutura de nova creación de 5,3 quilómetros e con características de autovía que ademais dará servizo, entre outros, ao futuro hospital da cidade.

A conselleira de Política Territorial, María José Caride, presidiu hoxe o acto simbólico de comezo das obras de construción do primeiro treito desta nova infraestrutura. A primeira fase, que vai dende o cruce coa estrada N-640 a Ribadeo ata o cruce coa estrada LU-530 á Fonsagrada, ten 2,36 quilómetros de lonxitude e un custe estimado de case 9,9 millóns de euros (dos que 2,3 millóns foron destinados ao pago das expropiacións). O segundo treito –que vai ata a N-VI- está pendente da redacción do proxecto de construción, que se fará este mesmo ano, segundo sinalou a conselleira.

Respecto ás características técnicas, a nova autovía terá dous carrís en cada sentido de 3,5 metros cada un, mediana de 2 metros e beiravías interiores e exteriores que suman un ancho total de 24 metros. A obra inclúe no primeiro treito iniciado hoxe tres glorietas de nova construción, unha ponte sobre o río Fervedoira e un paso superior e outro inferior. Ademais, a nova infraestrutura disporá de iluminación.

Accesos ao futuro hospital
A primeira fase que agora se comeza é fundamental para dotar de accesos á futura área hospitalaria que está a construír a Consellería de Sanidade. Precisamente para encaixar estes accesos que financian a partes iguais o Concello de Lugo e a CPTOPT, o proxecto de Rolda Leste inclúe a construción de dúas glorietas. Dende unha das glorietas partirá un acceso perimetral cara ó oeste do hospital (de case 383 metros) e da outra glorieta construirase unha segunda vía perimetral cara a zona leste (de 367 metros).

Segundo o texto do convenio, que foi autorizado polo Consello da Xunta do pasado 28 de decembro, a CPTOPT aportará un total de 650.600 euros para a execución desta obra. Ademais, a Consellería aprobou xa o proxecto de construción, de xeito que esta nova infraestrutura entrará en servizo ao tempo que o novo complexo sanitario.

Noticias relacionadas