A alcaldesa di que as obras resolverán as filtracións na capela dos Ollos Grandes e agarda que os traballos rematen antes da próxima ofrenda do Reino de Galicia.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, ofreceu “a total colaboración do Concello para axilizar os permisos necesarios que a Xunta precisa para acometer as obras de mellora do drenaxe do ábsida maior da Catedral”, unha obra que, comentou, “servirá para resolver os problemas de filtracións nesa parte da Catedral e que afectan, por exemplo, á capela da Virxe dos Ollos Grandes”.
Alvarellos Fondo adquiriu este compromiso esta mañá coa Directora Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, na reunión que mantiveron xunto a varios técnicos do Goberno galego, e na que estivo acompañada polo xefe de servizo de Arqueoloxía do Concello de Lugo. A alcaldesa mostrouse moi satisfeita pola noticia e sinalou que “desde o Concello de Lugo se eximirá á Xunta do pago da ocupación de solo, ao tempo que se darán todas as facilidades posibles para que as obras se leven a cabo o antes posible”. Ademais, Paula Alvarellos, insistiu na “importancia de que as distintas administracións colaboren na protección do noso patrimonio, e máis aínda no caso dos bens de interese cultural como é o caso da nosa Catedral”.
“O noso patrimonio arqueolóxico debe ser un valor de presente e de futuro para a nosa cidade”, comentou a alcaldesa de Lugo, polo que “agardamos que as obras de mellora na ábsida maior da Catedral sexan unha realidade antes de que se celebra a próxima ofrenda do Reino de Galicia”.

