A alcaldesa agarda que ter esperado ata agora para impulsala non comprometa a execución dos fondos europeos dos que a Administración galega dispón dende hai tempo.
Alvarellos Fondo lebrou que a lista de agarda de demandantes en Lugo triplica a de solicitantes noutras urbes galegas o que achaca a 15 anos de inacción.
E advirte de non caer novamente no erro de masificar a súa construción en puntos concretos do municipio, cando a propia normativa recomenda distribuíla de forma equitativa.
A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, aplaudiu o anuncio realizado pola Xunta de Galicia de construír un terceiro edificio na cidade con 302 novas vivendas de Protección Oficial. “De confirmarse esta información, é, sen dúbida, unha gran noticia para o municipio, logo de 15 anos de inacción por parte da administración autonómica que fixo engrosar a lista de demandantes ata alcanzar as 1.350 persoas, triplicando o número de solicitudes que se xeraron noutras urbes galegas”.
Porén, para a rexedora, “o anuncio non é máis que a mostra definitiva do que o Concello leva tempo afirmando: que o Executivo autonómico tiña capacidade e propiedades suficientes para promover nova vivenda social tanto na zona norte como no sur da capital, sen necesidade de que se materializase a permuta do Castiñeiro”.
Igualmente, Alvarellos Fondo lamentou que a iniciativa do Goberno galego se fixese agardar tanto. “Houbéranos gustado levantarnos con esta boa nova moito antes, porque agora preocúpanos que se estea en disposición de cumprir cos prazos establecidos polos fondos europeos dos que a Xunta de Galicia dispón dende hai bastante tempo”, referiu en alusión ao límite temporal establecido para xustificar a execución das obras que perciben esta financiación.
Así mesmo, a alcaldesa amosou tamén a súa preocupación pola localización escollida pola Xunta de Galicia, o barrio de Garabolos onde xa se concentra un cociente importante da vivenda pública da cidade. “A construción de máis edificios de carácter social é sempre positivo pero para que non suceda o mesmo que no Castiñeiro e, tamén por recomendación normativa, é bo favorecer unha distribución equitativa da VPO”, lembrou Paula Alvarellos.
Neste senso, a alcaldesa reafirmou o seu compromiso de colaboración coa administración galega para avanzar no procedemento de permuta previsto para as parcelas de Ramón Piñeiro coa vontade de que “a estes novos 302 pisos se poidan engadir aínda máis noutros puntos da nosa cidade”, concluíu a rexedora.
Audio
- A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, sobre a construcción da nova VPO en Lugo | Descargar mp3

