“Os Orzamentos deixan ver un Goberno galego esgotado, que non cumpre e castiga a Lugo”

A Xunta non contempla Hemodinámica 24 horas, dotacións para a Residencia, o Museo da Romanización, a rehabilitación da Tinería ou a Ronda Leste”, subliña o Voceiro

O Executivo esixe explicacións porque a obra do auditorio aparece programada ata o 2019 e seguintes, cando a Xunta afirmou que estaría rematada este ano

Mércores, 21 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

“Compromiso cero con Lugo”. Así resume o Goberno local o que supón o proxecto de Orzamentos 2016 da Xunta para a cidade. Os presupostos “pasan de largo pola nosa cidade”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández, e deixan ver un Goberno galego “en decadencia, esgotado, sen ideas, iniciativas nin proxectos, que incumpre reiteradamente os seus compromisos cos lucenses e que os castiga e discrimina”.

Deste xeito, o voceiro puxo de relevo que no proxecto de presupostos “non figura nada” para dotar de Hemodinámica 24 horas ao HULA, nin o segundo acelerador de Radioetrapia, as dotacións para o barrio da Residencia, o Museo da Romanización e o cuartel de San Fernando, a conservación da Muralla, a rehabilitación da Tinería, a construción da Ronda Leste ou o saneamento no rural.

Miguel Fernández mostrou o desconcerto do Executivo porque a obra do auditorio apareza programada ata o ano 2019 e seguintes, cando en diversas ocasións nos últimos meses a Xunta asegurou que as obras estarían rematadas este ano. O propio Presidente da Xunta llo asegurou á Alcaldesa na entrevista que mantiveron en agosto. “Esiximos una explicación inmediata á Xunta e ao Partido Popular sobre este engano descarado. Os lucenses meréceno”, asegurou o Concelleiro.

A partida de 450.000 euros que figura para o Plan Paradai “non chega para acometer as actuacións pendentes, e non figura ningunha previsión para os anos seguintes, co que a Xunta, despois de innumerables trabas, renuncia definitivamente a este proxecto deseñado para vertebrar este barrio da cidade e comunicalo co centro urbano”, afirmou Fernández.

“O abandono e discriminación” da cidade quedan tamén patentes en infraestruturas fundamentais como a intermodal, sinalou o edil, pois Núñez Feijóo contempla partidas para as estacións de Santiago, A Coruña, Ourense e Vigo, e “curiosamente” non para a de Lugo.

O PP local “non defende os intereses de Lugo”

Miguel Fernández lamentou que os responsables do PP en Lugo “non cumpran coa súa obriga de defender e loitar polos interese de Lugo, que as persoas que levan tantos anos na oposición do Concello e no Parlamento non esixan para a nosa cidade o que é de xustiza e rachar dunha vez por todas con esa idea de que os lucenses somos cidadáns de segunda”.

Audio

Noticias relacionadas