Os bombeiros realizaron no 2006 un total de 610 saídas

Mércores, 14 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Corpo de Bombeiros do Concello de Lugo realizou un total de 610 saídas durante o ano 2006, segundo explicou hoxe o Concelleiro de Protección da Comunidade, José Ángel González Corredoira. No 2005 o número de actuacións foi de 536 e no 2004 de 561.

O número máis elevado de chamadas foron referidas a incendios, alcanzando o número de 114. As cociñas das casas, e especialmente ao mediodía, son as que máis emerxencias provocan. Por tanto, o Concelleiro fixo unha chamada á prudencia neste tipo de actuacións, así como na limpeza das campanas das cociñas, que xeneran tamén moitos problemas de conatos de incendio.

Os enchufes en mal estado e a falta de ventilación nas vivendas son os responsables de moitos destes accidentes domésticos.

A segunda das categorías de intervencións máis numerosa é por limpeza da calzada, na maioría dos casos por accidentes.

O apartado de outros agrupa actuacións moi numerosas e variadas entre as que destacan as chamadas de emerxencia por escapes de gas, a retirada de árbores da vía pública, a retirada de cornisas en perigo dende as fachadas, as inspeccións de tellados, etc…

As intervencións máis importantes realizadas durante o 2006 foi un incendio en Otero Pedraio, outro lume nun garaxe da Flor de Malva e o de Montero Ríos que, ademais de lesionarse dous bombeiros, provocou alarma pola cantidade de fume existente. Finalmente, outra actuación relevante foi o desplome dunha casa na avenida da Coruña.

30 das intervencións realizadas durante o 2006 foron para realizar actuacións de prevención, entre as que se atopan simulacros en centros de ensino e outro tipo de organismos. Así, estiveron actuando en catro colexios da cidade, no INSS e no Sergas.

Por outra banda, realizaron 41 saídas a outros municipios, 30 delas por accidentes de tráfico. As actuacións foron en concellos como Vilalba, Guitiriz, Guntín, O Corgo e Castro de Rei.

O maior número de saídas realizouse no mes de outubro, con 72, seguido do mes de agosto con 62 de febreiro con 55. Percorreron un total de 9.200 quilómetros para realizar todas as actuacións.

Ademais, os bombeiros realizaron no 2006 un total de tres cursos de formación. O primeiro sobre combate de incendio mixto (zona industrial e urbana), outro de lanzadera térmica oxicorte, e o úlitmo de rescate en espazos confinados.

O Concelleiro explicou tamén que no ano que ven de finalizar investíronse no corpo 310.787 euros en trece meses. As actuacións máis importantes neste campo foi a compra dun brazo de 180.000 euros, un sistema de comunicación individualizado para cada un dos bombeiros, así como unha cámara térmica de infrarroxos, un cortador de plasma e 6 traxes MBQ (de protección química).

O Concelleiro adiantou que no 2007 o investimento estará destinado á mellorar as necesidades do edificio do cuartel. Así, están realizando un estudo das necesidades do edificio e das súas urxencias para poder actuar á maior brevidade e cos criterios máis establecidos.

Ademais, está previsto o investimento de 59.000 euros en roupa específica de traballo e tamén o pintado do parque. Por outra banda, o Concelleiro insistiu no compromiso do equipo de goberno de convocar oposicións para cubrir de xeito definitivo as prazas dos interinos.

Noticias relacionadas