As obras de peonalización de Quiroga Ballesteros e Amor Meilán comezarán a vindeira semana en paralelo á fase xa iniciada

Afectarán aos tramos comprendidos entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán, e dende a Rúa San Fernando á Rúa Quiroga Ballesteros.

O acceso de residentes queda garantido por Amor Meilán entre Rúa Nova e Quiroga Ballesteros, que pasará a ser de dobre sentido só para os citados residentes.

Igualmente, compatibilizarase coa obra de Santo Domingo, que permite a entrada pola rúa Teatro e saída por San Marcos e San Fernando.

Venres, 04 de agosto de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As obras de peonalización de Quiroga Ballesteros e Amor Meilán comezarán a vindeira semana en paralelo á fase xa iniciada

As obras de peonalización nas rúas Quiroga Ballesteros (no tramo comprendido entre Bolaño Rivadeneira e San Froilán), e Amor Meilán (desde Rúa San Fernando á Rúa Quiroga Ballesteros) comezarán a vindeira semana en paralelo á fase xa iniciada na rúa Montevideo e na Praza de Ferrol. A previsión é que a comezos de semana se sinalicen as zonas afectadas para que, unha vez retirados os vehículos estacionados, se proceda á instalación de valado.

O acceso de residentes queda garantido por Amor Meilán entre Rúa Nova e Quiroga Ballesteros, que pasará a ser de dobre sentido só para os citados residentes. O resto de vehículos seguirán accedendo, como ata o de agora, por Rúa Nova e saíndo pola porta de San Fernando. Igualmente, compatibilízase coa obra de Santo Domingo, que permite a entrada pola rúa Teatro e saída por San Marcos e San Fernando.

Estes traballos enmárcase no plan de peonalización entre a porta da muralla Bispo Odoario e a Praza Ferrol, contemplado no proxecto ‘Zero: Corazón verde’ para a peonalización integral do Centro Histórico, para o que o executivo de Lara Méndez acadou financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno central, a través dos fondos europeos Next Generation.

Plan de tráfico e sinalización

Os residentes de Rúa Manuel Amor Meilán accederán desde Rúa Nova, tendo que realizar a súa saída por esta mesma vía. Para iso, dispoñerase o tramo desta rúa entre Rúa Nova e Rúa Quiroga Ballesteros de dobre sentido de circulación, coa necesidade de desprazar as xardineiras existentes na actualidade nesta intersección. Con iso, dispoñeríanse na confluencia de Rúa Nova con Rúa Amor Meilán a seguinte sinalización: Sinal R-101 (dirección prohibida con lenda “excepto residentes”), sinal P18 (perigo obras), R-301 (limite de velocidade a 20 km/h), P-20 (perigo zona frecuentada por peóns), P-25 (perigo dobre sentido de circulación) e S15a (calzada sen saída).

Analogamente na confluencia de Rúa Amor Meilán coa zona efectiva ocupada para o desenvolvemento dos traballos, zona que estará valada na súa totalidade, dispoñerase sinal R-101. No acceso a Rúa Quiroga Ballesteros desde Rúa San Froilán dispoñeranse sinais R101 (dirección prohibida) e R-400b (sentido de circulación obrigatorio á esquerda), e coa suficiente antelación á zona ocupada en Rúa San Froilán, dispoñeranse sinais P-18 (perigo obras) e R-301 (limite de velocidade a 20 km/h).

Do mesmo xeito, en Rúa Bolaño Rivadeneira previo á intersección con Rúa Quiroga Ballesteros dispoñeranse sinais P-18 (perigo obras) e R-301 (limite de velocidade a 20 km/h). Finalmente, no acceso a Rúa Amor Meilán desde Rúa San Fernando, dispoñeranse os sinais R-101 (dirección prohibida) e R-400a (sentido de circulación obrigatorio á dereita).

Noticias relacionadas