O Xulgado de instrucción devólvelle ó Concello o expedente da Fábrica da Luz

Venres, 21 de febreiro de 2014
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Este martes o Concello deu un ultimatum, que vence o domingo, para a retirada da publicidade nos buses urbanos

O Xulgado de instrucción número 1 xa lle devolveu ó Concello de Lugo o expedente da Fábrica da Luz que fora requerido pola Xustiza á Administración local no marco da investigación da operación Pokemon.

O Concello de Lugo quere deixar claro que o proxecto da Fábrica da Luz foi adxudicado con toda a limpeza e a transparencia que debe seguir unha administración pública, como se pode comprobar examinando os distintos documentos que figuran neste expedente.

O proxecto foi adxudicado nun concurso público, seguindo todas as cautelas que establece o procedemento administrativo e cumprindo con todas as garantías legais.

Ese é o proceder ó que está obrigado o Concello, igual que o resto das administracións, e tamén é o que proba o contido do propio expedente que vén de recuperar o Concello.

De feito, o Concello declarou deserto nunha ocasión este concurso xa que se considerou que existían razóns de interese público que aconsellaban non adxudicar o proxecto, tamén suspendeu posteriormente a adxudicación durante nove meses para examinar e pronunciarse sobre un recurso de reposición e,ademais, denegoulle á empresa adxudicataria unha solicitude que presentou na que pretendía que se lle autorizase unha cesión do contrato. Esta negativa produciuse porque se considerou que esa petición non cumpría cos requisitos legais.

Tramitación do expedente

O proxecto para a restauración e posta en funcionamento da Fábrica da Luz saira a concurso por primeira vez no ano 2005 e, daquela, o Concello decidiu declaralo deserto tendo en conta as razóns de interese público que se puxeron de manifesto nun informe emitido polo servizo Electromecánico municipal.

No informe emitido por este departamento do Concello recollíase a existencia dalgunhas lagoas na definición da obra a executar que poderían chegar a facer inviable o proxecto, polo que a Administración local decidiu que debía suspenderse o proceso de adxudicación.

A finais do ano 2006 convocouse novamente o concurso dacordo cun plego de condicións que non foi obxecto de ningún tipo de recurso.

Tratouse dun concurso público e aberto a todas as empresas que cumpriran os requisitos establecidos no plego que foi elaborado, como sempre sucede en calquera administración, coas aportacións que van achegando os distintos servizos municipais que están obrigados a intervir na tramitación de calquera expedente. Deste xeito, unha das distintas modificacións que se foron introducindo polos departamentos municipais ós que lles correspondeu traballar no proceso de elaboración do plego deste concurso consistiu en aumentar de 45 a 55 puntos a valoración dos criterios considerados, por calquera administración, estritamente obxectivos como son os económicos.

A este concurso público convocado polo Concello presentáronse catro firmas, Norvento, Inca, Ancaria e Electrorayma, e a que resultou adxudicataria foi a empresa asturiana Inca por ser a que obtivo unha mellor puntuación.

Ofertas axustadas ó plego

A adxudicación deste concurso contou co informe favorable do servizo de Enxeñería municipal, ó que lle correspondeu a responsabilidade de coordinar este concurso, e fíxose tendo en conta as consideracións técnicas achegadas polo servizo Electromecánico sobre a restauración das turbinas xa existentes e a instalación dunha turbina nova, condicións que cumple o adxudicatario.

No informe que emitiu, neste caso, o servizo Electromecánico indicou que “as ofertas axústanse ó plego de condicións”. Aínda así, este departamento propuxo que o concurso fora declarado deserto, algo que legalmente non era posible xa que, desta volta, este servizo municipal non argumentou motivacións técnicas que puideran ser consideradas de interese público senón de razóns oportunidade, referidas a que, ó seu parecer, debera ser o Concello quen redactara o proxecto da obra.

Adxudicación suspendida para estudar un recurso

Unha das empresas que presentou oferta, Norvento, interpuxo un recurso de reposición o día 5 de xuño de 2008 motivo polo que o Concello acordou suspender a adxudicación ata que ese recurso foi resolto.

A adxudicación permaneceu suspendida durante nove meses, tempo que empregaron  os servizos municipais en analizar o recurso e pronunciarse sobre o contido desas alegacións, que finalmente foron desestimadas.

O acordo polo que se desestimou ese recurso de reposición tomouno, dacordo coas teses defendidas nos informes técnicos, a Xunta de Goberno Local o día 11 de marzo de 2009 e a empresa aceptou a decisión xa que non presentou ningún recurso contra ela, como estaría no seu dereito, na vía contencioso-administrativa.
 
Petición denegada

Outro feito destacado na tramitación deste expedente produciuse o día 8 de outubro de 2010. Nesa data a empresa Inca presentou unha petición ó Concello para que lle permitira a cesión do contrato a outra firma, solicitude ésta que foi desestimada pola Administración local ó considerar que non cumplía os requisitos legalmente establecidos para que esa petición puidera ser atendida.

Ultimatum para retirar a publicidade nos autobuses

O Concello de Lugo tamén quere informar de que días atrás deu un ultimatum para que se leve a cabo a retirada da publicidade que se exhibe nos autobuses urbanos, dado que xa rematou o contrato coa empresa que explotaba esta publicidade.

Este decreto municipal, que ten data de 18 de febreiro, ordena que entre os días 22 e 23 de febreiro quede retirada a devandita publicidade dos autobuses urbanos. Os destinatarios do ultimatum son a empresa que explotou a publicidade, que é quen debe quitar a publicidade, e a concesionaria do servizo de transporte público, xa que debe autorizar a realización dese traballo nos vehículos.

O ultimatum é un novo paso que dá o Concello nun procedemento administrativo iniciado días antes da finalización do contrato, cando lle foi comunicado o primeiro aviso á antiga concesionaria da explotación publicitaria dos autobuses urbanos.

O decreto que establece este ultimatum é consecuencia do incumprimento dos distintos requerimentos feitos polo Concello á antiga concesionaria deste servizo.

O primeiro deses requerimentos do Concello ten data de 8 de maio cando os servizos municipais lle deron aviso de que debía proceder á retirada da publicidade ante a inminencia da finalización do contrato que venceu o 18 de maio. A empresa presentou un recurso que se resolveu o día 7 de agosto coa reiteración da obriga de retirar a publicidade, na que os servizos municipais volveron insistir con outro requerimento que ten data 16 de outubro.

Noticias relacionadas