A Alcaldesa de Lugo asistiu a este desfile, que se celebrou este sábado polas rúas do centro histórico de Lugo, reunindo a varios animais, entre eles touros, vacas ou burros

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asistiu ao VII Desfile de Gando San Froilán, que se celebrou este sábado polas rúas do centro histórico de Lugo. O desfile, que reuniu a varios animais, entre eles touros, vacas ou burros, comezou no tramo peonil da Ronda da Muralla, continuando pola Praza da Constitución, Campo Castelo, Praza Maior e Bispo Aguirre. Durante esta mostra actuou o grupo Os Xílgaros de Lugo.
Este desfile recupera á perfección o espírito tradicional e típico das feiras do San Froilán para a cidade e a provincia, onde o sector primario é un piar fundamental.
Ao desfile tamén asistiu a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, e o Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, entre outros membros da Corporación Municipal.