O Tribunal Supremo dalle a razón ó Concello no recurso que interpuxo o propietario dunha parcela de Fontiñas cualificada coa ordenanza de Cidade Xardín

Martes, 27 de marzo de 2012
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A sentenza do Supremo avala a cualificación urbanística do solar no que se pode edificar cumprindo os requisitos da devandita ordenanza e desestima o recurso de casación presentado contra un pronunciamento anterior do TSXG que tamén fora favorable ás teses do Concello

O Concello de Lugo amosa a súa satisfacción pola sentenza que vén de ditar o Tribunal Supremo que lle dá a razón á institución municipal nun recurso interposto polo propietario dunha parcela situada na Ronda das Fontiñas desconforme coa cualificación do solar coa ordenanza de Cidade Xardín.

O Tribunal Supremo rexeita o recurso de casación interposto contra un auto ditado con anterioridade polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que tamén denegara o incidente de nulidade promovido polo demandante. Concretamente, o propietario da parcela opoñíase no seu recurso ó acordo adoptado o 6 de setembro de 2004 polo Concello que cualificou coa ordenanza de Cidade Xardín a devandita parcela, en execución dunha sentenza anterior,.

A sentenza do Supremo basease fundamentalmente no feito de que “los autos recurridos no contradicen lo resuelto por dicha sentencia ni resuelven cuestiones no decididas en ella, sino que los mismos han controlado la decisión municipal en orden a la ejecución de dicha sentencia, en la que se decidió exclusivamente acerca de la clasificación de los terrenos y no acerca de su clasificación que es lo que indebidamente pretendía el recurrente”.

O Concello cualificou a parcela ubicada na Ronda das Fontiñas, e colindante co instituto San Xillao, coa ordenanza de Cidade Xardín, ó entender que se trataba da máis acaida para conxugar tanto os intereses da propiedade como do ordenamento urbanístico, xa que o PXOU establecía entre os seus obxectivos impedir a masificación da cidade coa introdución de elementos urbanos de interese, espazos libres e zonas verdes, mediante unha redución do aproveitamento previsto no Plan Xeral de 1969.

Eses criterios son congruentes coa creación do gran parque dos Paxariños na zona, que impide a continuación da excesiva densificación residencial da zona Sur da cidade e facilita un espazo para o esparcemento da poboación que reside nesa área.

O Concello expresa a súa satisfacción por este fallo do Tribunal Supremo que avala a cualificación urbanística da parcela. A cualificación urbanística acordada polo Concello tivo o seu soporte técnico nun informe do servizo de Arquitectura, que considerou a ordenanza de Cidade Xardín como a que mellor se acomoda á ordenación do contorno, debido, non só a que responde ós obxectivos do planeamento vixente, senón que ademais obedece á existencia desa tipoloxía de edificacións nesa marxe da Avda das Fontiñas, posto que na ladeira existente entre a devandita avenida e o río Rato a edificación predominante é a vivenda unifamiliar.

O Concello tamén destaca a importancia desta sentenza, xa que a xurisdición contenciosa é a xurisdición propia e natural que entende este tipo de desacordos entre cidadáns e administracións. Esta reflexión débese ó feito de que os demandantes, que non lograron que lles dera a razón a Xustiza en ningunha das instancias no ámbito do contencioso, iniciaron a vía penal nun intento, entendemos, de enturbiar a situación e de “criminalizar” as actuacións municipais que foron avaladas tanto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, nun primeiro momento, como polo Tribunal Supremo, nesta última sentenza.

Noticias relacionadas