O subdelegado do Goberno recibe aos membros da Comisión da Residencia, tras a solicitude que fixeran hai uns días

Venres, 11 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O subdelegado do Goberno recibe aos membros da Comisión da Residencia, tras a solicitude que fixeran hai uns días

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, recibiu esta mañá aos membros da Comisión da Residencia, tras a solicitude que fixeran hai unha semana para continuar cos contactos que están mantendo con distintos responsables públicos. Ao encontro asistiron o voceiro do Goberno municipal, Miguel Fernández Méndez, e os representantes dos distintos grupos políticos, Antonio Ameijide Osorio, Olga Louzao Aldariz, Cristina Pérez Herráiz, Carlos Anxo Portomeñe Pérez, así como a presidenta da Asociación Veciñal do barrio da Residencia, Cecilia Vázquez García, que abordaron con Ramón Carballo os trámites a seguir para darlle utilidade á parcela onde se ubica o complexo do antigo hospital Xeral, propiedade da Tesourería da Seguridade Social.

Ramón Carballo escoitou as demandas dos membros da Comisión sobre as distintas opcións a propoñer nese espazo público, como un centro de saúde, unha nova comisaría, unha biblioteca e outros servizos dotacionais, atendendo aos resultados da enquisa que sobre esa cuestión realizaron recentemente nos centros educativos do barrio da Residencia.

O subdelegado do Goberno explicoulles que a propiedade das parcelas e dos edificios, tanto do antigo hospital Xeral como do Materno, é da Tesourería da Seguridade Social, aínda que está cedido ao Sergas dende a década dos 90 a raíz das transferencias á Xunta en materia sanitaria. Para darlle novos usos ao complexo hai que estudar polo tanto a posibilidade de revertir a concesión, para poder iniciar logo os trámites para a implantación dos servizos demandados pola Comisión.

Fronte a diversas informacións xurdidas, Ramón Carballo confirmoulles que o uso do antigo complexo hospitalario non está limitado únicamente a fins sanitarios, e manifestou que os manterá informados das xestións que se poidan facer a nivel da Tesourería da Seguridade Social para dotar de novos usos a esas parcelas. Neste senso, a Comisión trasladou ao subdelegado o seu interese por manter unha reunión con representantes da Tesourería, na que participen ademais representantes das administracións central, autonómica e local, para coñecer e facer un seguemento dos trámites a realizar.

Os membros da Comisión da Residencia indicaron que contactarán co Sergas para solicitar unha visita ás instalacións do antigo complexo hospitalario. A vindeira semana está previsto tamén que un grupo de técnicos visiten os edificios do Xeral e do Materno para facer un estudo pormenorizado do seu estado real.

Noticias relacionadas