O servizo de impresión a demanda da concellería de Educación atendeu a máis de 400 familias

Felipe Rivas: “unha vez máis, desde o Concello estamos tratando de cubrir os ocos que a Xunta de Galiza deixa abertos”

Felipe Rivas agradeceu a implicación do persoal municipal que traballou na entrega e distribución do material

Luns, 25 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O servizo de impresión a demanda da concellería de Educación atendeu a máis de 400 familias

O servizo de impresión a demanda que puxo en marcha a Concellería de Educación recibiu en mes e medio un millar de correos de familias lucenses, entregándose neste período máis de 26.000 páxinas a 400 familias. Segundo indicou o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, “nestes días atendemos a familias sen recursos que doutra maneira non poderían continuar coas tarefas desde a casa”. Felipe Rivas agradeceu a implicación do persoal municipal, que colaborou na entrega e distribución do material impreso.

“Puxemos en marcha este servizo para que todas as escolares e estudantes de Lugo continúen a ter acceso aos documentos que sexan imprescindibles para continuar coa actividade lectiva, cubrindo desde o Concello un oco que a Xunta de Galiza deixou aberto”, declarou o edil de educación, que ratificou o compromiso da concellería de Educación para “colaborar coa Xunta de Galiza para que todas as escolares de Lugo poidan ter acceso ás ferramentas e arquivos necesarios para traballar na recta final do curso escolar”.

“A Xunta de Galiza é quen ten as competencias en educación”, lembrou Felipe Rivas, que engadiu “de cara ao novo curso, deben ter preparados protocolos para que profesorado e estudantado teñan acceso aos recursos e ás ferramentas necesarias para continuar coa actividade lectiva en caso de novos paróns”. “Desde a concellería de Educación tendemos a man para colaborar, mais non podemos asumir competencias que non nos son propias”, sentenciou Felipe Rivas.

Audio

  • O edil de Educación, Felipe Rivas, sobre o servizo de impresión | Descargar mp3

Noticias relacionadas