O segundo seminario online para reforzar o tecido empresarial e autónomo centrarase no Plan Reanima municipal de axudas directas

Tralo éxito do primeiro webinar, no que participaron 80 emprendedores, o Goberno de Lara Méndez organiza unha nova sesión formativa

Técnicos dos Centro de Empresas e Innovación do Concello serán os encargados de impartir o seminario. As inscricións están abertas en https://bit.ly/2KFe6oq

Mércores, 29 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O segundo seminario online para reforzar o tecido empresarial e autónomo centrarase no Plan Reanima municipal de axudas directas

O Concello de Lugo, a través do CEI Nodus, organiza este xoves, 30 de abril, de 16:30 a 18:30 horas, o segundo webinar ou seminario online para impulsar o tecido empresarial e autónomo lucense e preparar o proceso de reactivación da economía. Esta acción enmárcase no proxecto pioneiro en España, posto en marcha polo Concello en colaboración coa EOI, co fin de ofrecer asesoramento gratuíto e formación en liña aos emprendedores da cidade durante o período de confinamento, para reforzar os seus negocios ante a crise sanitaria do coronavirus.

O segundo webinar "Cuestións prácticas sobre as axudas do Plan Reanima Lugo: quen, como, cando e onde presentalas" expoñerá detalladamente as axudas do Plan Reanima impulsadas polo Goberno de Lara Méndez. Así, aclararanse aqueles aspectos máis particulares das bases da programación e responderanse a todas as dúbidas que poidan xurdir en canto á tramitación das solicitudes. Deste xeito, a sesión estará especialmente destinada a axudar a autónomos e pequenos empresarios afectados pola crise do COVID-19. As inscricións, totalmente de balde, poden realizarse a través do seguinte enlace: https://bit.ly/2KFe6oq

Os relatores encargados de impartir este segundo seminario serán: Norman Veiga Álvarez, técnico de Asesoramento a Empresas do Concello de Lugo, á fronte do CEI-Nodus; e César Castiñeira Muiña, axente de Emprego e Desenvolvemento Local, con longa experiencia traballando en proxectos de emprego, formación, intermediación e inserción laboral.

Esta é a segunda webinar tras o éxito que obtivo a primeira, con máis de 80 emprendedores e autónomos inscritos.

A formación desenvólvese en liña mediante a plataforma de e-learning que a EOI xa ten en marcha co Concello para a formación dos participantes no programa Inicia Coworking. Os seminarios están deseñados para apoiar a micropemes e autónomos, ofrecéndolles ferramentas que lles axuden a enfrontarse á situación actual e a reactivar os seus negocios e son impartidos por titores e consultores da EOI de forma desinteresada.

Noticias relacionadas