Manuel Núñez e Carlos Méndez presentaron as bases do proceso de matriculación, que como novidade neste curso realizarase un sorteo por letra para a obtención de praza e a elección horaria

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, e o director da Escola Municipal de Música de Lugo, Carlos Méndez, presentaron este luns na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías as bases do proceso de matriculación nesta Escola para o vindeiro curso 2017-2018.
Manuel Núñez destacou que “como novidades, neste curso realizarase un sorteo por letra para a obtención de praza e a elección horaria e as persoas interesadas deberán presentar as solicitudes de matrícula e a documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello”.
Pola súa banda, Carlos Méndez explicou que “nas materias teóricas de linguaxes ofértanse un total de 498 prazas e nas de instrumentos 255, polo que se amplían con respecto ao ano anterior, no que había 384 e 230 repectivamente”.
A Escola Municipal de Música do Concello de Lugo abrirá o próximo mércores, 19 de abril, o prazo para inscribirse no vindeiro curso 2017-2018 para os alumnos que xa están matriculados este ano. O prazo para estes alumnos que queiran continuar cos seus estudos o próximo curso remata o 19 de maio. Para o novo alumnado o prazo de inscrición comezará máis tarde, o 22 de maio, e rematará o 28 de xuño.
As materias que se impartirán divídense en catro bloques, que conteñen frauta traveseira, clarinete, saxofón, fagot, trompa, trompeta, trombón, tuba-bombardino, percusión, gaita, pito pastoril galego, piano, música e movemento, formación básica, linguaxe musical, formación de adultos, improvisación, informática musical e gravación de edicións e son, big band, grupo de clarinetes, grupo de clarinetes infantil, grupo de saxofóns, banda, banda infantil, coro moderno, grupo tradicional, charanga, grupo de pandeiretas, círculo de tambores, grupo de percusión tradicional, grupo de metais, grupo didáctico de pito pastoral, percusión de banda e aula de técnica base metal grave.
As persoas interesadas poden consultar as bases na web municipal www.lugo.gal, ou no teléfono de información cidadá 010.
Audio
- Manuel Núñez - Matrícula Escola de Música | Descargar MP3
Documento
- Díptico Bases Escola de Música curso 2017-18 | Descargar PDF